marco
Compostela, 14/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Reciben máis de 2.000.000 de euros

Educación subvenciona cinco centros do Opus Dei que segregan alumnado por razóns de sexo

A CIG-Ensino denuncia que a consellaría de Educación mantén os concertos educativos con cinco centros do OPUS DEI que reciben subvencións de máis de 2.000.000 de euros malia segregar o alumnado por razóns de sexo. A Consellaría xustificou a súa posición de non actuar até o curso vindeiro por falta de probas, cando os mesmos responsábeis destes centros e nas súas páxinas webs recoñecen que impediron a matrícula de nenos e nenas no mesmo centro.

Trátase de centros con 6 unidades de Primaria e 4 de ESO que só permiten matricularse nenos ou nenas, entre os que están Centros como Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo; Montespiño e Peñarredonda na Coruña, etc.

A Consellaría continúa sen tomar ningunha medida para rescindir os concertos con estes centros educativos, malia estar percibindo máis de 2 millóns de euros do erario público.

Resulta totalmente inaceptábel que a Consellaría persista na concesión dos concertos educativos en centros que contradín a lexislación vixente (disposición adicional vixésimo quinta, artigo 84 da LOE e artigo 2.4 do Decreto 30/2002 que regula a admisión do alumnado nos centros sostidos con fondos públicos), impedindo a matriculación mixta e fundamentando o seu ideario de centro en postulados reaccionarios e inmobilistas.

A CIG-Ensino na entrevista mantida nos días pasados coa Conselleira esixiulle unha actuación inmediata para que estes centros deixen de percibir calquera tipo de subvención e de concerto. A Consellaría xustificou a súa posición de non actuar até o curso vindeiro por falta de probas, cando os mesmos responsábeis destes centros e nas súas páxinas webs recoñecen que impediron a matrícula de nenos e nenas no mesmo centro.

Como é sabido, a CIG-Ensino ten presentado Contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, máis isto non é óbice para denunciar e exixir a inmediata actuación da Consellaría para que retire a dita subvención de 2.000.000 de euros, correspondentes aos concertos educativos destes centros.