marco
A Coruña, 14/2/2007
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Dúas persoas discriminadas polo uso do idioma denuncian os seus casos ante o Consejo General del Poder Judicial

Órganos xudiciais coruñeses conculcan os dereitos lingüísticos dos galegofalantes

O titular do Xulgado do Social número 3 d´A Coruña e mailo Xuíz-Decano deste mesmo partido xudicial protagonizaron casos de discriminación e de conculcación dos dereitos lingüísticos de galegofalantes. Os feitos xa se denunciaron no Consejo General del Poder Judicial.

O titular do Xulgado do Social nº 3 d’ A Coruña, o Ilmo. Sr. Maxistrado don Manuel García Carballo, ademais de conculcar os dereitos das partes a empregar o galego nas vistas orais, ten proferido manifestacións de desconsi­deración verbo dos galegofalantes mostrando con isto tamén animadversión impropia dun xuíz que, desde a súa posición, debera mostrarse imparcial e respectuoso cos dereitos dos demais. Proba disto é o acontecido o pasado día 24 de xaneiro na causa 876/2006 na que, coincidindo coa comparecencia como testemuña de Paulo Carril Vázquez, Secretario comarcal da CIG, o Ilmo. Sr. Maxistrado ameazou con suspender a vista polo emprego da lingua galega e proferiu descualificacións contra os galegofalantes como “Me tienen harto con el tema del gallego... ¿Y los derechos de los que hablamos castellano?”, “Si quiere me denuncia que ya sabe usted el camino que tiene que seguir”.

Por estes feitos, o Secretario Comarcal da CIG vai denunciar no Consejo General del Poder Judicial estes feitos por consideralos constitutivos de sanción disciplinaria.

O outro maxistrado denunciado tamén por conculcación dos dereitos lingüísticos é o Ilmo. Sr. Xuíz-Decano, don Antonio Fraga Mandián. Neste caso o denunciante, Eduardo Álvarez González, Secretario comarcal da Federación de Ensino, no seu momento, presentara unha queixa por escrito por incumprimento por parte da Administración de Xustiza do dereito legalmente recoñecido a ser notificado en lingua galega (art. 7.2 da Lei 3/1983, de normalización lingüística) e polo uso ilegal da forma oficial do topónimo da cidade d’ A Coruña. Na resposta que obtivo do Ilmo. Sr. Xuíz-Decano, contravindo as disposicións legais, negoulle ao denunciante o recoñecemento dos seus dereitos positivados na norma xurídica e mesmo, no colmo da desconsideración, chegou a afirmar que o emprego ilegal do topónimo d’ A Coruña no propio selo fedatario xudicial constitúe un mero “erro ortográfico”. Máis aínda, o Xuíz-Decano denunciou Eduardo Álvarez por inxurias, despois de que este rebatese na prensa os argumentos esgrimidos polo xuíz, que pretende criminalizar opinións e converter en protagonista dunha acción delitiva a quen reclamou o exercicio dos seus dereitos legalmente recoñecidos e o cumprimento do ordenamento xurídico por parte de quen pertence ao Poder xudicial.

Por este motivo, Eduardo Álvarez González, o pasado día 12 de febreiro, presentou tamén denuncia perante o Consejo General del Poder Judicial das actuacións do Ilmo. Sr. Maxistrado Xuíz-Decano d´A Coruña.

Situación do galego na Xustiza

O status da lingua galega na Administración de Xustiza encóntrase, verbo do español, en franca discriminación.

No ordenamento xurídico en vigor, as partes, os seus representantes e os letrados, así como as testemuñas e peritos, poden utilizar o galego tanto en manifestacións orais como escritas, mais os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e demais funcionarios de xulgados e tribunais nin sequera teñen a obriga de coñecer esta lingua, lingua que emprega, por certo, a maioría da poboación na súa vida diaria.

O artigo 7.2 da Lei 3/1983, de Normalización lingüística, recoñece tamén o dereito dos cidadáns a que a Administración de Xustiza lles realice as notifica­cións en galego se así o solicitan.

A isto se reduce o status xurídico da lingua galega na Administración de Xustiza.

Pois ben, nin tan sequera estas dúas migallas recoñecidas no ordenamento xurídico están a respectar algúns órganos xurisdicionais da demarcación xudicial d’A Coruña.