Cun partido de fútbol e dous equipos enfrontados simbolizouse o enfrontamento entre Educación e a CIG-Ensino. A portería a propia porta de entrada á consellaría e os equipos conformados, dunha banda, por Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación, acompañada pola curia eclesiástica católica e, da outra, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, acompañado por mestres de Filosofía, Historia, Tecnoloxía e representantes doutras crenzas relixiosas.
O partido non foi doado e nin sequera a penaltis puido resolverse o, polo momento, empate entre ambos equipos. Pero antes de rematar, Anxo Louzao tirou a pelota ben alto para deixar clara unha mensaxe: agora está no tellado da consellaría.
A próxima cita o próximo mércores, outra volta diante da consellaría. CIG-Ensino agarda que daquela Sánchez Piñón teña rectificado e abra o necesario diálogo que permita resolver este coflito ampliando, tal e como se demanda, os horarios de filosofía e de historia.
Apoio de profesores e alumnos de Filosofía
Cando xa o árbitro ditaminara o empate e emprazara aos equipos ao próximo partido, chegaron reforzos: un nutrido grupo de profesores e alumnos de Filosofía sumáronse ao acto. Os alumnos caracterizados dunha banda, como pensadores da Grecia Clásica, alertando das alternativas: “Filosofía ou barbarie”, e da outra, como verdugos da consellaría, que representaban a morte da filosofía.
O acto rematou cunha representación do alumnado de filosofía e co compromiso de todos os bandos de regresar a próxima semana.
As anteriores mobilizacións
A CIG-Ensino desenvolveu durante o mes de abril unha serie de mobilizacións –concentracións os días 23 e 28 de abril e folga e manifestación o 29 de abril- dirixidas e denunciar a actuación da consellaría de Educación en todo o relativo ao Decreto de Bacharelato. Un decreto que tal e como se denunciou no seu día foi aprobado sen previa información ao conxunto do profesorado, sen debate ou negociación algunha sobre os seus contidos e mesmo sen ter en conta as emendas presentadas, maioritariamente, pola CIG-Ensino. “Algo que nunca, na historia do Consello Escolar de Galiza sucedera”, como ten explicado o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
Nesas mobilizacións, a CIG-Ensino, partindo da necesaria garantía da laicidade do sistema educativo, propoñía e segue a propor, para cumprir o marco legal que estabelece a LOE, que a materia de relixión sexa impartida só para aquel alumnado que a solicite e fora do horario común. Deste xeito, as horas previstas para relixión poderían ser destinadas a ampliar nunha hora as clases de Filosofía e noutra as de Historia.
Unha proposta na que a CIG-Ensino inclúe tamén que todos os centros que impartan a modalidade de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía oferten todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II; que todos os centros que dispensen ensinanzas de bacharelato impartan, como mínimo, dúas modalidades, garantindo que o alumnado poida cursar calquera materia da súa propia modalidade e que se amplíe a de Artes ao maior número posíbel de centros.
Porén, malia estas mobilizacións, a conselleira de Educación só accedeu a ampliar as clases de Educación Física nunha hora. Unha proposta claramente insuficiente para a CIG-Ensino, que considera que “é inaceptábel e inasumíbel que a materia de relixión condicione e imposibilite que a filosofía e a historia teñan unha hora máis de clase. A relixión debe quedar no ámbito privado, pero non debe ter cabida no currículo escolar”, segundo Louzao.
Para desbotar a proposta de CIG-Ensino a consellaría de Educación esgrime a súa suposta ilegalidade. Porén, cómpre matizar que unha proposta semellante foi a que presentaron os gobernos ou os consellos escolares de comunidades como Asturias, Illes Balears ou Cataluña. Propostas das que, en algúns casos, están retrocedendo por presións políticas e das cúpulas eclesiásticas ou que se manteñen pero que, en ningún caso son cuestionadas por ser ilegais, como nos pretende convencer aquí a conselleira de Educación.
Próximas mobilizacións
Por iso e tras denunciar a falta de valentía política por parte da consellaría de Educación “sustentada polo PSOE, supostamente progresista e supostamente laica”, a CIG-Ensino acordou reiniciar as mobilizacións comezando, entre outras accións, por chamar a atención da opinión pública con esta simbólica representación.
Xunto a iso, estase a promover que, nos claustros dos distintos centros, se aproben resolucións no sentido da proposta presentada pola CIG-Ensino. Xunto a isto, estase a desenvolver unha campaña informativa nos centros con pancartas alusivas ao tema denunciando o condicionamento dos horarios por mor da materia de relixión.
A CIG-Ensino está tamén a recoller sinaturas en apoio á táboa reivindicativa presentada e o próximo día 20 de maio levarase a cabo en todo o país, en diferentes centros, aulas reivindicativas, que terán lugar ao aire libre, ben na rúa, ben nos patios dos centros, nas que se amosará o rexeitamento a este modelo de decreto de bacharelato.
O día 21 convocarase outra concentración diante da consellaría de Educación para facer entrega das sinaturas que haxa recollidas até ese momento, outro acto reivindicativo e lúdico do que se informará en datas próximas.
A CIG-Ensino tamén promoverá resolucións nas Xuntas de Persoal provinciais, órganos electos onde están representados os 32.000 docentes de Galiza, no sentido de demandar unha hora lectiva máis para filosofía, historia, reforzar as materias de tecnoloxía e de música e que en todos os centros se impartan as dúas modalidades de bacharelato.
Deste xeito, preténdese demostrar á consellaría que as súas propostas contan co apoio unánime do profesorado, como xa se constatou nas mobilizacións anteriores e contra o decreto de bacharelato porque “non avanza na calidade do ensino, ten insuficiencias para a formación do alumnado, non vai facilitar avances na galeguización e non está dirixido a fomentar o ensino laico”.