A ENERXÍA, A SUSTENTABILIDADE E OS ASPECTOS SOCIAIS
Fica coma un feito importante, ter presente que, ao falar de desenvolvemento sostible, un punto a ter en consideración é que o modo de satisfacción das necesidades humanas, fica suxeito a restricións. Debemos considerar como restricións medioambientais o desenvolvemento que nos impón a sustentabilidade, en base a tres aspectos; o mundo como hábitat da especie humana, o mundo como único almacén de recursos e o mundo coma vertedoiro do lixo.
A extinción da civilización dos “moais” na illa de Pascua, atribúese a sobre explotación dos recursos naturais para satisfacer as necesidades (é probábel que tamén os desexos) dunha poboación excesiva, en consecuencia os recursos esgotáronse, e a poboación non puido ser mantida por ese ecosistema reducido. O ecosistema da terra tampouco poderá soportar unha explotación ilimitada dos recursos para atender as necesidades dunha poboación ilimitada por tempo indefinido. Podemos afirmar que a sustentabilidade impón limitacións ao uso do planeta e dos recursos, incluíndo o aumento da poboación. O grao de madurez do ecosistema, pódese medir, pola biodiversidade; biblioteca xenética, potencialidade de alimentos e posibilidade de medicinas.
A primeira cifra: No mundo, o 20% da poboación quedase co 80% da produción enerxética, 2.500 millóns de habitantes non teñen acceso á enerxía, so teñen acceso á madeira para cociñar e quentarse. Un exemplo é Nixeria un gran produtor de petróleo, onde a poboación non ten acceso ao carburante. A civilización actual nosa, non é concibíbel sen o uso-abuso da enerxía, pero un aspecto resulta socialmente decisivo; os poderes fácticos esixen unha condición para eles incuestionábel: Que poida ser vendida. Se aproveitaramos directamente a enerxía solar ou a eólica, a máis abundante e duradeira coñecida, sen intermediarios, sen contadores, sen centrais, probablemente o sistema neoliberal desaparecería da terra. Pero só proporciónase a enerxía susceptíbel de converterse en mercancía.
O sector enerxético na Galiza fica controlado por familias e empresas da oligarquía, que se benefician historicamente dos favores de Administracións axeonlladas. O modelo enerxético no noso País é o marcado polo Estado español en liña co mandato pola Unión Europea. Modelo potenciador da liberalización dos mercados, continúan apostando pola combustión dos hidrocarburos ou do gas natural. Este modelo intenta ocultar os graves impactos ambientais que producen á humanidade, chámese Chernobil ou Prestige. Este modelo, fainos crer na necesidade dun medre continuo é controlado por uns poucos grupos económicos. As súas orientacións son:
Incrementar a liberalización para beneficiar as grandes industrias consumidoras de moita enerxía.
Incrementar todo tipo de transporte, pero sobre todo aquel que gaste máis enerxía, como o transporte por estrada.
No intento de disfrazar estes proxectos agresivos para o medio ambiente, falan de apostar polas enerxías renovábeis, especialmente a eólica, convertidas en parques xestionados polas grandes empresas ou por familias, como a do ex alcalde de A Coruña. Diante deste panorama, dende unha posición sindical de esquerdas debemos facernos algunhas preguntas: Debemos admitir que a titularidade, o control e a xestión dun sector tan importante para o futuro da Galiza fique nas mans dunha minoría insolidaria? Non é un risco inasumíbel que sexa ela quen manexe a chave do noso desenvolvemento socio-económico-político?. Polo tanto, debemos reivindicar inverter a actual febre privatizadora neoliberal da enerxía, para acadar que os sectores vitais para o noso futuro como pobo sexan obxecto dun programa racionalizador.
Non esquezamos dar resposta aos problemas que como sindicalistas atopámonos no día a día, temos que combater as causas que como pertencentes a POBOS CON DEREITOS, impídennos ser soberanos plenamente. Só desta maneira teriamos a capacidade, os instrumentos e os mecanismos axeitados de planificación das políticas económicas e enerxéticas. Desta maneira poderiamos abordar: A descentralización produtiva e de produción da enerxía. A potenciación das enerxías renovábeis, en mans publicas. Deste xeito, abordariamos verdadeiros plans de aforro, programas enerxéticos non en función dos cartos e dos intereses de negocio das grandes empresas, senón en función das necesidades reais. Tampouco debemos esquecer, que o actual modelo enerxético é espoliador de recursos dos países e pobos do terceiro mundo. Debemos combater estes roubos por parte destes grupos empresariais que, engadido, nestes países impoñen peores condicións de traballo e de vida que as que temos o colectivo traballador en Europa.
A segunda cifra: Existen 3.500 millóns de pobres no mundo (máis da metade da poboación global). Cales son os factores ocultos desta conspiración de silencio a rente da fame? Un administrador colonial británico na India. Mentres tanta xente morría de fame – dicía; que os famentos eran demasiado pobres para comprar os cereais que lles houberan salvado a vida. E engadía; é lóxico, que en Europa se silencien os rumores destas fames, posto que ían prexudicar os seus lucrativos negocios. Tratase dun silencio premeditado? Son os intereses das multinacionais? Son intereses de orde político e económico? Ou é unha conxunción de todos eles que fan da fame un tema tabú, prohibindo ou cando menos silenciando e avisando que é pouco recomendábel que sexa amosada a fame publicamente. Nos últimos meses os alimentos subiron o 55%, cada punto porcentual que subiu a alimentación significou un 0,50% de incremento de pobres no mundo.
O fantasma da fame recorre o mundo. O aumento gradual dos prezos dos alimentos ameaza con facer crise e recuar no que atinxe aos avances acadados en materia de desenvolvemento e melloramento das condicións de vida dos sectores sociais de menores ingresos nos mais diversos países e pobos do mundo. Aos lideres políticos e de goberno dos países máis industrializados do mundo, así como a funcionarios importantes de organismos como a FAO e outros, parece preocuparlles máis as protestas e conflitos sociais, que resolver o fantasma da fame, que xa comezou a percorrer o mundo. O director Xeral da FAO, dicía recentemente….”Ficamos a presenzar disturbios arredor do mundo debido ao aumento dos prezos. En Senegal, país do Director Xeral da FAO. No norte de Quenia, na Guinea, Burquina Faso, Camerún, Exipto, Haití, etc. O medre dos prezos dos cereais cada día afectan a un maior número de países, nos países pobres, en 37 deles encomezaron a padecer a fantasma da fame, de acordo cun informe dado a coñecer en Roma pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO).
No informe saliéntase que entre os anos 2007 e 2008, os países máis pobres da terra tiveron que pagar un 65% máis por importar cereais e nalgúns países africanos o medre dos prezos chegou a acadar o 74%, segundo os propios cálculos da FAO. Os produtos que máis subiron foron a fariña, o maínzo, a soia, os carburantes, o arroz, o leite, a froita, a verdura fresca e a electricidade. Este aumento mundial dos prezos dos alimentos está levando a un “asasinato en masa silencioso”, o aumento dos biocombustíbeis, a especulación nos mercados de materias primas e os subsidios ás exportacións na Europa e nos Estados Unidos equivalen a que somos responsábeis da fame a que se enfrontan os países emerxentes. Asistimos a monopolización das riquezas da terra, e as multinacionais son responsábeis dunha “violencia estrutural”. O fantasma da fame, depende do destino, como fan pensar a algunha xente. “A fame non tivo ningunha relación co destino dende fai moitos anos tal e como o pensou Carlos Marx”. É mais ben, coma se detrás de cada vítima houbese un asasinato. Un asasinato en masa silencioso.
Vai chegar o día que a xente que sofre a fame erguerase contra os seus perseguidores. Isto é, tan posíbel como o foi a Revolución Francesa. Nembargante, o único que observamos ata o momento; é que as forzas progresistas, humanistas, sindicais, as que loitan por unha mellor saúde ecolóxica do planeta, as organizacións de esquerdas, as que deberían ficar na vangarda desta batalla, aparentan ficar neutralizadas, agoniadas pola pasividade, sen alternativas e sen esperanzas de que as cousas van trocar para mellor e poder construír un mundo mellor e máis xusto para todas e todos.
A terceira cifra: O 15% da poboación temos acceso a auga, o 85% da poboación mundial non ten acceso a auga.
Desenvolvemento sostíbel implica, non superar ningún destes limites que poñen en perigo os sistemas naturais da terra. O desenvolvemento sostíbel debe ficar sometido a certas restricións ambientais. Por isto, na CIG posicionámonos a prol da exixencia de restrinxir as emisións acumulativas de tóxicos non biodegradábeis, os das industrias químicas, incluíndo os derivados da explotación da enerxía nuclear.
Recuperando o exemplo da illa de Pascua, preguntámonos: Cal foi a causa que determinou a extinción desa civilización? A excesiva presión sobre os recursos ou a excesiva poboación que se mantiña cos recursos. A resposta non fica en ningunha das dúas, fica nas dúas conxuntamente, inseparabelmente. A sustentabilidade implica que non podemos medrar a costa das xeracións futuras, ao igual que aceptamos que non podemos medrar a costa das persoas. Isto é un principio de desenvolvemento xusto, ten o seu fundamento no recoñecemento universalmente aceptado (aínda que sexa en teoría) de que todos os seres humanos somos iguais.
Non é sostíbel o desenvolvemento que se acada co traballo obrigado, ou o traballo escravo.
Non é sostíbel o desenvolvemento que se acada co traballo que supón para as persoas un trato cruel, inhumano e degradante.
Non é sostíbel o desenvolvemento que se acada co traballo infantil.
Non é sostíbel o desenvolvemento que se sustenta na explotación laboral, manifestada en xornadas interminábeis e en salarios que non garanten unha existencia conforme a dignidade humana.
Non é sostíbel o desenvolvemento que se consinte coa discriminación laboral da muller e que ignora a seguridade no traballo ou que se acada a costa da renuncia constante de dereitos das traballadoras e traballadores.
Se toda a poboación do mundo consumira (sendo lexitimo que o pretenda) igual que consume o primeiro mundo, farían falta cinco planetas como a Terra.
Compostela, 13 de Maio de 2008
Abelardo Landeira, secretario nacional da Federación QE-CIG (organización afiliada á UIS-TE, FSM)