marco
Vigo, 14/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Mobilización o xoves 17 ás 11

A empresa de telemarketing Bosch anuncia despedimentos masivos en Vigo

A semana pasada os responsábeis da empresa de telemárketing Bosch en Vigo anunciaron o que cualificaron como “despedimentos masivos” alegando baixada da carga de traballo. O pasado venres 11 de xullo comezaban a vaga de despedimentos.

Os centros de chamadas da empresa Bosch en Vigo dan emprego a 1.200 persoas das que un 85% teñen contratos temporais, 700 das contratacións son vía ETT. Os incumprimentos do Convenio, as sancións e os despedimentos son unha constante na actuación desta multinacional xermana en Vigo.

A semana pasada o xefe de recursos humanos de Bosch en Vigo anunciou o que denominaron “despedimentos masivos” debido a “baixada da carga de traballo”, sen comunicarlle á representación sindical o número de persoas afectadas e sen facilitar a información sobre a que sustentan os despedimentos.

Ao longo das últimas semanas Bosch xa viña despedindo a persoal das mesmas campañas alegando “baixada voluntaria do rendemento”.

O pasado venres día 11, comezaron os despedimentos de persoal de tele-venda de varias campañas, pero a data de hoxe a empresa continúa sen informar á representación sindical.

Incumprimento do convenio

O Convenio Colectivo establece que un 30% do persoal de operacións debe ter contrato indefinido; Bosch incumpriu o Convenio deixando ademais fóra do proceso ao persoal máis antigo.

Daquela a CIG, que presentou conflito colectivo contra Bosch, anunciou que a empresa deixaba fóra do proceso ao persoal máis antigo para poder despedilo, como está acontecendo agora.

Deslocalización á Arxentina

O pasado ano Bosch puxo en marcha un centro de chamadas en Arxentina que dá emprego a día de hoxe a 150 persoas que atenden á clientela do Estado Español; a campaña de “Orange” que é aparentemente á máis afectada polos despedimentos en Vigo xa está sendo atendida dende a capital arxentina.

Para a CIG son despedimentos totalmente inxustos froito dun proceso de deslocalización nuns casos e para evitar dar vacacións ao persoal noutros. A CIG considera “lamentábel” que a multinacional xermana pretenda xustificar estes despedimentos froito dunha actuación empresarial como “baixadas voluntarias do rendemento laboral” nuns casos e como baixada do volume de carga de traballo noutros.

Mobilizacións e concentración o 17

Así mesmo dende a Sección Sindical da CIG en Bosch están en contacto permanente co persoal afectado e anuncian mobilizacións para dar resposta ao que a propia empresa denominou como “despedimentos masivos”.

A primeira mobilización, de feito, xa está convocada para o xoves 17 ás 11 da mañá. Será unha concentración que terá lugar diante das instalacións desta empresa de telemárketing na Avenida de Madrid.

Esta mobilización xa estaba prevista polo despedimento dunha afiliada da CIG que denunciou ante a empresa un grave caso de acoso laboral. Desde o pasado mes de decembro Bosch despediu a tres dos nove candidatos/as da CIG no último proceso de eleccións sindicais.