Carta remitida por Abelardo Landeira:
O Presidente da República do Ecuador, Rafael Correa, na reunión de Directorio da Empresa Estatal Petróleos do Ecuador - PETROECUADOR do 19 de maio de 2008, dispuxo a separación de catro dirixentes sindicais: Edgar De la Cueva, Presidente do Comité de Empresa de Petro-produción - CENAPRO; Ramiro Guerrero, Presidente do Comité de Empresa de Petro-comercial CENAPECO, John Plaza, Secretario Xeral do Comité de Empresa de Petro-ecuador Matriz e a Xerencia de Oleoduto; e, Diego Cano, Presidente da Federación Nacional de Traballadores de PETROECUADOR- FETRAPEC.
A Confederación Intersindical Galega lamenta estes feitos inxustificados e arbitrarios por denunciar os intereses do actual Ministro de Minas e Petróleos, Dr. Galo Chiriboga e reclamar do Goberno Nacional a necesidade da implementación dunha verdadeira política petroleira nacional e soberana.
O manifestado publicamente polos compañeiros sindicalistas, usando o dereito á liberdade de expresión, non é motivo de sanción de ningún tipo e moito menos de despedimento ditatorial e sen defensa. Abran unha investigación e depuren responsabilidades, pero con probas e posibilidade de defenderse a todas as partes implicadas.
Apoiamos a actitude dos compañeiros inxustamente despedidos e solidarizámonos coa súa loita, repudiando actitudes autoritarias, que non toleran as críticas e que asumen a realización da ganancia sobre a base de minimizar a presenza do Estado e en xeral de todo aquilo que garde semellanza con mecanismos de regulación. As corporacións empresariais e os seus gobernos promoven a apropiación privada dos recursos naturais. As privatizacións consisten na expropiación das fases principais dos procesos de traballo. Deste xeito, as corporacións exercen o control das materias primas, os sistemas eléctricos, redes de ductos, concas de auga e infraestrutura industrial, á vez que vulneran o concepto de servizo público. As privatizacións constitúen o aspecto principal das políticas neoliberais. No sector enerxético, o imperialismo empresarial impuxo as privatizacións en moitos países e continentes, pola vía ilegal, a apropiación unilateral ou a guerra de agresión.
No marco da solidariedade internacional, para que os pobos poidan desenvolverse, é necesario recoñecer o dereito á enerxía e á auga como dereitos sociais básicos sen os cales non é posible unha vida digna. Os nosos catro compañeiros son inxustamente despedidos por defender estes postulados.
Sr. Presidente Rafael Correa Delgado, con respecto e con toda firmeza, solicitamos a súa mediación ante PETROECUADOR, para que esta agresión sexa reparada o máis axiña posible e os nosos camaradas sexan reincorporados aos seus postos.
Abelardo Landeira
Secretario Xeral Adxunto da UIS-TE-FSM
Secretario Nacional da Federación de Químicas-Enerxía, Confederación Intersindical Galega.