marco
Vigo, 14/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Continúa o proceso no concurso de acredores no Mercantil

O Comité de Cedonosa elabora un informe contrario ao expediente de regulación de emprego

Cedonosa atópase no concurso de acredores ordinario que se está a levar no Xulgado do Mercantil nº1 de Pontevedra. Dentro deste procedemento a empresa solicitou a extinción de 26 contratos e a conversión de 11 en fixos descontinuos. Por parte do Xulgado instouse as partes a que tal e como establece a lei concursal se iniciara o período de consultas para negociar de boa fe un acordo do ERE.

Despois dun mes de negociacións, o 11 de xullo levantouse a acta final sen acordo por parte do comité de empresa e das centrais sindicais (CIG, CCOO e UGT), elaborouse un informe no que se manifesta que a actual situación de Cedonosa non é por problemas imputados os traballadores; nin as cargas que estes supoñen, teñen unha gran incidencia na súa evolución, senón que dita situación vén provocada por unha mala xestión da dirección. Por iso, nestes momentos o persoal que ten Cedonosa en Catoira é o que precisa para traballar, e non sobra ninguén, aínda traballando só cun forno e medio e cun nivel de produción por debaixo do 60% de capacidade produtiva.

Esta acta de non acordo da supresión dos postos de traballo ten que ser enviada ao xulgado, xunto cos informes das partes e dos administradores xudiciais, e será a xuíza a que decida finalmente.

Resumo do informe

Un resumo do informe é os motivos que levaron a non aceptar este informe ás tres centrais sindicais desta extinción dos contratos é o seguinte:

Mercado e vendas

  • O volume de ventas en miles de metros cadrados, que viña descendendo nos anos en que a construción de vivendas medraba a mais do 10% (vivenda iniciada) e do 17% (vivenda terminada), comeza a crecer precisamente no exercicio que se ralentiza a construción, ano 2007

  • O prezo dos produtos propios facturados por Cedonosa veuse incrementado en todos os exercicios dende o 2004.

  • As propias contas anuais desminte que a orixe das perdas do 2007 graviten pola decadencia do mercado, xa que resultou ser o exercicio con maior crecemento da cifra de negocios do período analizado un 15'20%

  • Logo dunha caída inicial das ventas previstas para o 2008 do 34'5%, proxéctanse crecementos anuais de ventas de entre o 7'6 e o 8'5%, crecementos verdadeiramente extraordinarios despois da análise que se fai da conxuntura actual.

  • Podemos concluír que non existen razóns obxectivas que fundamenten as perdas da compañía na mala situación do mercado no que opera.

Produtos e custes

  • A planta de Catoira viría utilizando mais do 80% da súa capacidade ate o 2006 e no 2007 xa caeu o 69%, cando no 2007 o volume físico das vendas creceu respecto dos exercicios anteriores.

  • Cedonosa produciu menos no 2007 non por falta de mercado senón porque destinou a ese mercado unha parte importante da produción acumulada.

  • En canto aos custes, foi o prezo da enerxía o que medrou en Catoira 10 veces mais rápido que en Teruel ou é que para producir as mesmas toneladas as maquinas de Catoira duplicaron nun só ano o seu consumo físico de enerxía?

  • Os datos da empresa din que a man de obra directa por tonelada producida en Catoira representa 3 veces mais que en Teruel.

  • Se o comparamos cas contas anuais, en Cedonosa caeron un 14'68% e aumentaron en Teruel un 32'04%

  • O custe medio do emprego, tomando o numero de traballadores que figura nas contas anuais descendeu en Cedonosa un 3'91% e aumentou en Teruel un 20'04%. O custo medio do emprego en Teruel é xa superior o de Catoira

  • Os gastos de persoal representan unha parte moi inferior do valor de produción en Cedonosa que en Ferrogres.

Situación económica

  • Os gastos de persoal cada vez teñen unha incidencia menor na conta de perdas e ganancias, respecto dos ingresos de explotación que pasaron de representar o 31'50% en 2004 a tan só o 21'64 no 2007. Dito doutro xeito mentres os ingresos creceron 2.759 mil euros, os gastos de persoal descenderon en 343 mil euros. Estas variacións aínda serían mais importantes se descontamos o gasto do director xeral. Ademais de ser o traballador de maior custo tamén é o que maior incremento sufriu no 2007, supoñemos que como parte das indemnizacións de despido do anterior director.

  • O ritmo de crecemento dos outros gastos de explotación tamén foi moi superior os ingresos, é o que mais medrou en termos absolutos foi a partida de servizos profesionais independentes, que representou no 2007 o 6'23 dos ingresos o equivalente a terceira parte de todos os gastos de persoal, excluíndo o director. A crise nin nace polo lado dos ingresos nin polo lado do emprego, nace polo crecemento desorbitado doutros gastos como os traballos realizados por outras empresas, os pagados a servizos profesionais, a propia compra de mercadorías, etc. algún dos cales nin se mencionan na diagnose feita pola compañía

Resumo

1.- O primeiro contrasentido evidente é o de reducir a produción en base á falsa hipóteses de estreitamento do mercado, cando no 2007 o mercado non so asumiu a produción feita, senón que tamén o fixo a un prezo maior, non hai evidencias de que a ralentización do sector afecte a Cedonosa.

2.- Desviar a Teruel unha parte importante da produción de Catoira, en base a supostos menores custos na fabrica, cando a calidade e produto fabricado non dá o mesmo rendemento. En realidade en Cedonosa é onde mellor evolucionan os custos en relación do valor producido, o trasladar a produción so tería mais graves consecuencias como ate a actualidade.

3.- Para que as proxeccións feitas puideran mostrar nun futuro beneficios os autores do plan tiveron que reducir nunha proporción esaxeradamente superior o axuste de produción os gastos que realmente lastraron os resultados da empresa no 2007, os consumos e os outros gastos de explotación. Así case de xeito máxico, estes custos pasarían nun só ano de representar o 87'49% do valor da produción a tan so o 75'63%.

E mentres no 2009 a produción previse incrementar nun 8'47% os consumos e outros gastos de explotación apenas crecen o 0'33%. Dito doutro xeito mentres que o axuste de produción se salda cunha redución de 2.686 mil euros o axuste nos consumos e de 3.882 mil euros. Na proxección para o 2009 o peso dos gastos de persoal sobre o valor da produción teríase reducido apenas en 4 puntos respecto do 2007 mentres que o peso dos consumos e doutos gastos de explotación debería caer nada menos que 17 puntos e medio para que a milagre proxectada se produza.

4.- Para conseguir cadrar as cifras, os autores do plan teñen que axustar silenciosamente os custes aos que se lle deu nula importancia tanto no diagnostico como na definición de estratexias. Exemplo non consta explicitamente que neste ano 2008 o valor dos traballos realizados por outras empresas (traballos externalizados) se divide por 43, que os servizos exteriores se reducen a cuarta parte, isto quere dicir que os redactores do plan coñecen cales son realmente os gastos que minan os resultados da empresa malia que non os fan explícitos, e estes non son claramente os de persoal.

Sen causas obxectivas

En consecuencia, desde o Comité de empresa e as centrais sindicais consideran que "nin se dan as causa obxectivas que xustifiquen a adopción do expediente de regulación de emprego nin as medidas correctoras propostas son validas para garantir a viabilidade futura da empresa".

As centrais sindicais e o comité de empresa, agardan que "a autoridade competente teña en conta as nosas consideracións e polo tanto, se rexeiten as pretensións da empresa".