Na nómina do mes de xuño moitos traballadores e traballadoras recibiron nas súas nóminas 200 dos 400 euros comprometidos durante a campaña electoral por Zapatero. Porén, os da pizarra están a sufrir ameazas por parte de empresarios do sector para que renuncien ao seu cobro. Entre outras, o que se lles está a dicir é que se queren cobralos deben renunciar a incentivos ou primas e que non se lles aplicarán retencións do IRPF co que o próximo ano, na declaración da renda correspondente ao 2008, terán que pagar a facenda.
Desde a CIG de Valdeorras aseguran que estas prácticas se están a realizar baixo unha aparente legalidade. “Primeiro os traballadores e traballadoras asinan a nómina onde si se reflicten os descontos do IRPF que marca a lei. Pero logo, no cheque ou no ingreso bancario figuran outras cantidades. O mesmo ocorre para os que teñen horas extra como as que se pagan en diñeiro negro, xa que quedan con eses cartos directamente”.
A CIG de Valdeorras considera alarmante a cantidade que se poderían estar a embolsar os pizarreiros calculando 400 euros por traballador e traballadora nunha empresa cunha media de 100 traballadores/as. Por iso anima aos afectados/as a denunciar estes feitos e ponse ao seu dispor para frear esta situación. Ademais demanda de Facenda que investigue aos pizarreiros para acabar con estas prácticas que cualifica de “mafiosas”.