A Xunta de Galiza elude as súas responsabilidades escudándose cinicamente no Regulamento europeo 561/2006, que permite as empresas de transporte de viaxeiros non utilizar o disco tacógrafo cando as súas rutas non superen os 50 quilómetros, salvo que haxa unha norma interna dos Estados (neste caso da Comunidade Autónoma) que indique o contrario. Por tanto, a CIG esíxelle ao Goberno autonómico que implante a obrigatoriedade da utilización deste medidor no transporte escolar, independentemente da distancia percorrida.
O contrario acontece no transporte de mercadorías, onde o emprego do tacógrafo sempre é obrigatorio. “Do punto de vista da seguridade no transporte, por que protexen máis os cochos, as aves, os ladrillos e non os nosos nenos?”, inquiriu Ernesto López Rei, responsábel comarcal da CIG-Transporte, na rolda de prensa na que se denunciaron os feitos.
Permisividade institucional co exceso de horas
“O alcohol non é único que mata nas estradas, tamén está a fatiga”. Con estas palabras, Xesús Pastoriza, responsábel nacional da CIG-Transporte, referiuse aos riscos que entraña a ausencia de control do tempo de traballo dos condutores no transporte escolar.
O sindicalista mesmo constatou como hai choferes que acumulan xornadas de 12 horas, pois traballan en moitos outros servizos, alén do transporte escolar. “Hai casos de condutores que chegan ás tres da mañá dunha excursión e, en catro horas, comezan a ruta escolar”, indicaron Pastoriza e López Rei.
A inhibición do Goberno autonómico nesta materia é moi grave. No noso país concéntrase un terzo do transporte escolar de todo o Estado español. As empresas que operan na Galiza tamén prestan outros servizos e contan con cadros de persoal reducidos.
As baixas por estrés e fatiga acentúanse no sector, subliñaron os sindicalistas. Ademais, a Dirección Xeral de Transportes da Xunta tan só dispón de catro inspectores para todo o país. “Hai máis incompetencia na actual Dirección Xeral de Transportes que na época de Fraga”, sentenciou López Rei.