marco
Vigo, 15/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Na imaxe Alberto Gonzalves, secretario nacional de organización da federación de Químicas da CIG, Xulio Fernández, secretario de organización comarcal de Químicas de Vigo e coordenador do sector da automoción desta federación, e Francisco Miranda Vigo, portavoz desta coordenadora, membro da Executiva Confederal da CIG e presidente do Comité de Empresa de Copo Ibérica.
Constituida este mércores no local da CIG de Vigo

A coordenadora de automoción da CIG- Químicas presenta dez propostas contra a crise do sector

Nunha xuntanza mantida na mañá do mércores 15 de outubro, na que participaron máis de 60 delegados e delegadas da CIG de catorce empresas da automoción da Federación de Químicas, constituíuse a Coordenadora sindical para a automoción da Federación de Químicas. Ademais neste encontro presentáronse e debatéronse dez propostas de actuación fronte á crise na que se encontra o sector do automóbil, para mudar e axir na situación actual, que foron analizadas polo conxunto dos delegados e delegadas presentes das empresas do automóbil pertencentes á Federación de Químicas da CIG.

Nesta primeira reunión para a constitución da coordenadora participaron delegados e delegadas da CIG de catorce empresas na que traballan perto de 3.000 traballadores/as: Adhesivos Industriales Dourdin, Copo Ibérica, Copo Galicia, CETEC, Componentes de Vehículos de Galicia, Dalphimetal España, Faurecia Automotive España, Faurecia Interior Systems España, Grupo Copo de Inversiones, Industrias Proa, Peguform Ibérica, Samper, Rieter Saifa Noroeste, Wagon Automotive Ibérica.

Esta coordenadora sindical para o sector da automoción da federación de Químicas da CIG estará aberta a todos aqueles traballadores e traballadoras do sector da automoción que se queiran unir a ela. Estará composta por un pleno, integrado por un membro de cada empresa, ademais dunha comisión permanente de sete membros.

"Non se pode manter unha actitude pasiva neste momento"

Asi, foi escollido como portavoz desta coordenadora Francisco Miranda Vigo, presidente do Comité de Empresa de Copo Ibérica e membro da Executiva Confederal da CIG, que subliñou que "a actividade desta coordenadora vai ser a de tentar levar adiante as propostas que hoxe enunciamos para o sector, e imos comezar desde xa cos contactos con Industria e Ceaga". Miranda ademais advertiu que "non descartamos e temos moi presente a necesidade de mobilizarnos e sair ás rúas, porque os traballadores e traballadoras da automoción están a ser os grandes ausentes e non se pode manter unha actitude pasiva neste momento actual". Miranda criticou "a cantidade de diñeiro que o Estado inviste en sectores non produtivos, e no sector do automóbil que fomos vanguarda en modelos de produción baseados na flexibilidade e eventualidade, agora nos vemos nesta situación e sen axuda, polo que non imos permitir ningunha agresión contra o emprego nas nosas fábricas". Miranda Vigo amosou o seu apoio, nese sentido, ás mobilizacións e accións que comezaron os traballadores de Faurecia Asientos de Galicia o pasado venres 11 de outubro e que continuarán o vindeiro venres 24.

Decálogo contra a crise no automóbil

Nesta reunión presentáronse dez propostas de actuacións "concretas e necesarias" para mudar e axir na situación actual de crise na automoción, que foron debatidas polo conxunto dos delegados e delegadas presentes das empresas do automóbil pertencentes á Federación de Químicas da CIG. A continuación, reproducimos este decálogo contra a crise na automoción:

  1. Implicación do clúster do automóbil.

  2. Implicación da Xunta de Galiza, nomeadamente da Consellaria de Industria (i+D+I, creación de produtos xenuinamente galegos, innovación, etc).

  3. Mantemento do emprego indefinido.

  4. Creación dunha bolsa de traballadores e traballadoras do sector.

  5. Regularización e racionalización da xornada laboral, homoxeneizándoa no sector.

  6. Creación dunha mesa de diálogo entre as empresas auxiliares e empresas principais.

  7. Implicación da Consellaria de Industria, abrindo liñas de creto para revitalizar as empresas en precaria situación económica.

  8. Plans de rexuvenecemento das plantillas de traballadores e traballadoras.

  9. Prexubilación aos 55 anos, garantindo o 100% da prestación.

  10. Rexeitamento de Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) para empresas con beneficios económicos nos últimos tres anos.

Estas dez medidas, fronte ás que presentou o Clúster da automoción, salientan a importancia do Clúster, que "ten gran importancia, recebe subvencións, fan propostas e mesmo actúan como lobby de presión", asi como a necesidade da implicación da Xunta nesta crise, xa que "queremos pasar de ser maquiladores a creadores de produtos, porque hai capacidade suficiente de I+D no noso país como para crear estes produtos cun valor de nivel engadido importante, que significaría pasar a ser algo máis do que montadores do que se inventa noutros países".

Miranda Vigo destaca tamén entre as medidas "a necesidade da creación desa bolsa de traballo para o sector, que debería ir acompañada da creación dun instituto de formación para os traballadores eventuais que están a perder o seu traballo, e que teña unha compensación económica participar desta formación, e contar con máis e mellores profisionais".

Sobre a regularización e racionalización da xornada laboral, Miranda explica que "o mellor para o sector sería contar cunha xornada que fora homoxénea no sector, que permitira traballar de luns a venres, e que fora común a todas as empresas".

Outro dos puntos clave nestes momentos é o rexeitamento dos ERE's que se acordou nesta reunión para empresas que tiveran beneficios nos últimos tres anos, "porque o que non podemos permitir é que sexan os traballadores e traballadoras os que teñan que asumir as consecuencias da situación que viven as empresas do sector, e mobilizarémonos para denunciar esta situación e para evitar que se aproben estes inxustos expedientes".