marco
A Coruña, 15/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A FOLGA FICOU DESCONVOCADA

Albada e traballadores chegan a un preacordo

O comité de empresa e Albada asinaron un preacordo acerca da negociación do convenio, despois de cinco horas e media de reunión na sede da Inspección de Traballo o 11 de abril. Ese mesmo día o documento foi referendado polo persoal nunha asemblea celebrada na planta de Nostián. A folga ficou desconvocada.

O preacordo estipula que o novo convenio colectivo de Albada teña unha vixencia de tres anos (desde o 1 de xaneiro de 2008 até o 31 de decembro de 2010). Empresa e representantes dos traballadores acordaron que, unha vez que remate a vixencia do novo convenio, o cadro de persoal de Albada terá garantida a homologación das súas condicións salariais e de xornada co persoal de SOGAMA, o que representa unha demanda histórica dos empregados da planta de Nostián. Actualmente existe unha diferenza de 4.806 euros anuais entre os salarios que perciben os peóns de SOGAMA e os de Albada. Os primeiros cobran 19.667 euros e os segundos, 14.861.

A negociación dos demais puntos do novo convenio colectivo, así como a forma en que se aplicará o acordo rubricado o 11 de abril, retomarase nunha xuntanza que se realizará o 21 de abril, ás 11:30 horas.

O acordo atinxido puxo fin a un mes de intensas mobilizacións do cadro de persoal de Albada. Os traballadores secundaron numerosas concentracións diante da empresa e do Concello e protagonizaron unha manifestación que percorreu a cidade o 8 de abril. Ese día un traballador foi vítima da violencia policial, ao ser detido e golpeado por tres axentes, que veñen de ser imputados polas lesións que lle ocasionaron ao operario, que actualmente se atopa de baixa laboral como consecuencia dos golpes sufridos.