marco
Santiago, 15/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Exixirán dos responsábeis políticos que se respecte a legalidade vixente

CIG-Administración pon en marcha unha campaña para que se garantan os dereitos dos cidadáns a ser atendidos en galego

A CIG-Administración vén de anunciar, en rolda de prensa, a posta en marcha dunha campaña dirixida a fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da administración pública, baixo o lema “Polo dereito ao uso do nosos idioma nas administracións públicas”. Para iso, alén de sensibilizar aos traballadores e traballadoras, exixirase dos responsábeis políticos o cumprimento da legalidade vixente nesta materia.

Transcorridos 25 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, a falta de vontade política para promover o seu cumprimento por parte dos sucesivos gobernos ten provocado unha perda progresiva do uso do galego a nivel social, en xeral, e na administración pública, en particular.

Esa perda de usos e a necesidade, non xa de recuperar espazos para a nosa lingua, senón mesmo de “garantir os dereitos dos cidadáns a ser atendidos no seu propio idioma, en galego”, foi o que levou á Federación de Administración Pública da CIG a decidir a posta en marcha desta campaña, segundo explicou a seu Secretario Nacional, Xosé Carlos Crespo.

No mesmo sentido, o responsábel técnico do departamento de Normalización Lingüística da CIG, Rafa Villar, salientou a súa importancia, tanto polo ámbito no que se dá como polo momento, xa que coincide co 25 aniversario da aprobación da Lei de Normalización e co 20 aniversario da aprobación da Lei 5/1998, de uso do galego como lingua oficial das entidades locais.

Villar destacou tamén o feito novidoso de que se desenvolva nesta ámbito e, ademais “desde a propia sociedade, desde as traballadoras e traballadores da administración, integrados nesta federación na CIG”.

Sensibilizar aos traballadores

O secretario Nacional da federación de Administración explicou tamén que con esta campaña se pretende sensibilizar aos traballadores e traballadoras. Para iso editáronse unha serie de carteis e dípticos que será distribuídos en todos os centros de traballo dos distintos ámbitos da administración pública: administración local, administración autonómica, administración periférica do estado, administración de Xustiza e Correos.

Ademais, remitiranse escritos dirixidos aos máximos responsábeis destas administracións “exixindo o respecto pola legalidade vixente”, sinalou Crespo, porque “aínda que sexa insuficiente, cando menos deben garantilo”.

“Trátase tamén de demandar dos poderes públicos que se efectivicen as medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza no ano 2004, en concreto as 28 que se refiren ás administracións públicas”, engadiu Villar.

A campaña terá continuidade ao longo de todo este ano e seguirá á volta do verán coa distribución doutro cartel e coa convocatoria dun encontro de delegados, de carácter monográfico, para facer non só un labor de concienciación, senón tamén para promover que coñezan a lexislación vixente.
Documentos
Sempre en Galiza, Sempre en Galego.pdf
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS