A golpe de bombo. Así recibiron a Touriño, aos conselleiros e conselleiras e aos deputados e deputadas, as traballadoras de Galicia Dixital e os compañeiros de CIG-Servizos. Un recibimento que, polo sonoro, é imposíbel que pasara desapercibido por máis que o Presidente da Xunta non se quixera dar por aludido. De feito, por non querer non quixo sequera recoller o panfleto que lle tendían e que resume as razóns polas que estas traballadoras se estaban a mobilizar.
Por iso lembrámoslle que, con esta concentración, e coas que virán, as traballadoras demandan a súa inmediata readmisión en Galicia Dixital, dependente da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, integrada na consellaría de Presidencia.
E é que estas 11 traballadoras foron despedidas, sen previo aviso, o pasado 2 de maio tras oito anos desenvolvendo a mesma actividade para as sucesivas concesionarias (tres) encargadas da exposición, porque a nova concesionaria se negou a subrogar ao persoal.
Para xustificar os despedimentos tanto a empresa, Telecyl S.A, como a propia Xunta de Galiza argúen que, neste caso, o prego de condicións non exixe a subrogación. Porén, a CIG-Servizos entende que se trata dunha xustificación falsa xa que aínda que non figura de forma expresa, como ocorría nos pregos anteriores si se recolle, neste último, a obriga da adxudicataria a respectar as normas e convenios en vigor que houbera anteriormente. Unha desas normas en vigor, sería o dereito adquirido da subrogación, tal e como se fixo nas anteriores ocasións.
Así é que mentres a situación siga igual, continuarán acompañando ao Presidente Touriño, porque dalgunha maneira terán que facerse oír. Queira ou non queira escoitar o Presidente.