No artigo 7 do decreto 124/07, polo que se regula a promoción e o uso do galego no sistema educativo, sinálase que o uso do idioma propio de Galiza na educación infantil debe seguir as seguintes pautas:
A “absoluta desidia” da Consellaría de Educación e da Presidencia da Xunta (de quen depende a Política Lingüística) á hora de aplicar este decreto ponse de evidencia nun estudo realizado pola Mesa pola Normalización Lingüística a través da empresa Quadernas Consultoría nunha mostra de 170 centros de ensino. Realizáronse entrevistas cos equipos de normalización lingüística e cos equipos directivos, ademais de ter en conta outros parámetros.
Segundo os resultados das entrevistas cos equipos de normalización, o 43,1% dos centros de infantil continúan impartindo por debaixo do 50% en galego. Dos que incumpren o decreto, arredor dun 40% imparten no idioma da Galiza unicamente unha hora ou menos cada día, o que está moi por debaixo mesmo da normativa sobre o uso do galego que estaba en vigor nos anos 90.
Segundo os equipos directivos, o incumprimento é do 40,1 por cento, unha porcentaxe levemente inferior e que estaría condicionada pola maior resistencia para admitir que non se cumpre a lei por parte dos responsábeis de implantar o decreto.
Segundo os datos dos Equipos de Normalización, a situación máis grave de vulneración da norma está nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol, pois por exemplo na escolarización de nenos e nenas de 3 anos, o decreto non se está a aplicar no 69,8% dos centros. En infantil de 4 anos, o incumprimento é do 63,5% e en infantil de 5 anos do 62,2%.
Así mesmo, aínda que a norma tamén se vulnera nun nivel alto nos centros públicos, é moito máis grave nos privados: o 89,7% en 3 anos, o 80% en 4 anos e o 83,4% en 5 anos.
A Mesa sinala que estes datos “poñen en evidencia a política letal para o galego que está a seguir a Consellaría de Educación, que polo que mostran os seus feitos só utilizou o decreto do ensino en galego para lavarse a cara e aparentar que cumpría a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”. A organización tamén sinala que a Consellaría “engana á sociedade” cando se fai presentar como un departamento que promove o galego.
Esta falta de transparencia queda de manifesto tamén nos numerosos atrancos que a Consellaría puxo para a realización desta enquisa, atrancos que o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística cualificou de “moito peores que cando realizamos outros inquéritos durante os gobernos do Partido Popular”.
Para o presidente da Mesa, Carlos Callón, “aínda que se trata dunha irregularidade gravísima, que atenta contra a formación do alumnado e contra o futuro da cultura galega, non é estraño que o decreto se incumpra de xeito tan clamoroso, posto que a Consellaría de Educación ou a Presidencia da Xunta non adoptaron nin unha soa medida para que se aplicase”.
Perante estes datos, “que mostran un continuísmo lamentábel coa Consellaría de Educación do PP”, A Mesa chama á sociedade a mobilizarse este domingo 18 de maio, en defensa do dereito a aprender en galego. “Non hai educación de calidade se o galego fica marxinado e se se incumpre de xeito tan vergoñento a lexislación”, conclúe A Mesa