O Sindicato Labrego Galego denuncia hipocrisía de, por unha banda, condenar publicamente as dificultades e a fame que se está a sufrir en grande número de países mentres que, pola outra, impulsan políticas de apropiación de recursos como a terra, as sementes e a auga por parte das grandes multinacionais, privando aos pobos destes recursos básicos para alimentarse.
Neste dobre discurso, sinalan os representantes do SLG, falan tamén de preocupación polo cambio climático, sostendo, porén, un modelo con grandes custos enerxéticos baseado no transporte de alimentos a miles de km. cando estes poderíanse producir a nivel local.
En troques de abordar esta problemática, este encontro de xefes/as de Estado ten coma obxectivo afondar no deseño e implantación de medidas orientadas á liberalización do comercio de alimentos e privatización de servizos públicos, accións que teñen unha grande incidencia no empobrecemento dos/as productores/as do país de orixe, así como dos/as nosos/as labregos e labregas na Galiza, xa que estes acordos teñen o obxectivo de incrementar a cantidade de importacións.
Repercusións en Galiza
Un dos sectores con grande risco con estes acordos é o cárnico galego, xa que están involucrados na negociación zonas coma Arxentina ou Brasil, nas que se produce con grande dumping social, arruinando aos labregos e labregas familiares para conseguir materias primas a baixo custo, contando, ademais, con todo tipo de facilidades por parte dos respectivos gobernos.
Neste senso, sinalan, a cidadanía en xeral é a grande perxudicada neste intercambio de productos auspiciado pola baixada dos aranceis, tal e como propugnan este tipo de acordos. Aos productores en orixe págaselles pouco, e ás e ós consumidores o producto véndeselles caro, e cada vez de peor calidade (industrialización da alimentación, emprego de pesticidas, transxénicos, etc). A rebaixa de aranceis supón a desprotección dos nosos productores e productoras por mor da entrada de produtos a baixo custo, conseguidos mediante a precariedade dos e das productoras dos países en vías de desenvolvemento.