marco
Compostela, 15/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A central nacionalista galega foi convidada polo movemento sindical paraguaio

A CIG asiste á toma de posesión de Fernando Lugo como presidente de Paraguai

O 15 de agosto de 2008 é unha data emblemática para o pobo paraguaio. Despois de 61 anos de gobernos reaccionarios e antipopulares, con dictaduras militares incluídas, amparados nas siglas do Partido Colorado, un presidente con visión progresista elixido democraticamente no mes de abril vai asumir as súas funcións.

A CIG, que xa fora convidada para participar como observadora internacional no proceso electoral de abril, é unha das organizacións sindicais que estarán presentes nos actos oficiais que se terán nos próximos días.

Coa asunción de Fernando Lugo, o Paraguai súmase ao grupo de países latinoamericanos que - con enfoques e orientacións non sempre coincidentes – intentan mellorar as condicións de vida das súas respectivas poboacións que na súa maior parte viven na pobreza ou, nunha alta porcentaxe, na miseria. Nesta última década, Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Ecuador, Nicaragua, Uruguai, Venezuela e agora o Paraguai, pasaron a ser a manifestación externa dun mar de fondo que recorre Latinoamérica  provocando un cambio xeopolítico transcendental. Sen esquecer as evidentes e moi profundas diferenzas entre os camiños e modelos elixidos, hai sen embargo tres coincidencias fundamentais: reforzo da soberanía nacional fronte ao imperialismo económico e político exercido implacablemente polos Estados Unidos; incremento da intervención do Estado – como actor económico e con actuacións lexislativas – fronte ao dogma do neoliberalismo; fortalecemento  dos movementos sociais populares (por veces paradoxal) fonte ao protagonismo individual.

Fernando Lugo, ex-bispo católico moi ligado á Teoloxía da Liberación, chega á Presidencia apoiado por unha morea de organizacións e movementos de moi distinto signo agrupados nunha coalición política constituída en setembro do 2007: a Alianza Política para o Cambio-APC. Integrando a APC, ou apoiando a Lugo sen entrar na APC, liberais (inimigos políticos dos Colorados desde1860, que van ocupar o núcleo dos ministerios económicos no novo goberno), socialdemócratas e comunistas, movemento sindical, campesiño e popular, “colorados” disidentes e, moi especialmente, os sectores máis desfavorecidos da sociedade paraguaia puxeron a Lugo na presidencia creando inmensas expectativas de esperanza e ilusión nun pobo marcado por unha historia tráxica de guerras, moi altas taxas de emigración (o Paraguai ten unha poboación de algo máis de 5 millóns de habitantes, dos que arredor de 1 millón vive na Arxentina), hipercorrupción e con contrabando como un dos principais aportes ao PIB.