marco
Vigo, 15/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os traballadores denuncian o impago de salarios

Máis de 2.000 persoas percorren as rúas de Quiroga contra o desmantelamento do sector da lousa

Unhas dúas mil persoas manifestáronse o 12 de setembro en Quiroga para expresar a súa desconformidade co desmantelamento do sector da lousa e en solidariedade coas familias que dependen desta actividade.

O comercio de Quiroga pechou en solidariedade cos traballadores. Varios alcaldes da comarca participaron na marcha, que ía presidida por unha pancarta co texto Non ao desmantelamento do sector da lousa.

Os manifestantes decidiron desviarse da ruta programada e cortaron a N-120 ao seu paso polo municipio. Centos de persoas optaron, de xeito espontáneo, por realizar esta acción, o que ocasionou momentos de tensión coas FSE.

Falta de actividade

A firma dun Expediente de Regulación de Emprego na empresa Ferlosa e a falta de actividade noutras dúas, Pebosa e Cupiga, conduce a unha situación crítica ao sector da lousa en Quiroga, que chegou a empregar 650 persoas, cando na actualidade apenas conta con 250.

Ferlosa mandará aos seus 90 traballadores ao paro en dúas quendas de tres meses. A situación é tamén preocupante en Pebosa e Cupiga, dúas louseiras que empregan a 150 traballadores, que levan desde hai días sen actividade. O empresario débelles as mensualidades de xuño, xullo, agosto, ademais da paga extraordinaria do verán.