marco
Compostela, 16/1/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Cinco traballadores levan xa dous meses sen traballo efectivo por pedir mellores condicións laborais

Concentración diante de Transportes Manuel Rial

Traballadores de Transportes Rial SL concentráronse diante da empresa para denunciar a precariedade laboral que padecen e demandar unhas condicións de traballo dignas. Como medida de presión os traballadores acordaron pór en marcha unha campaña informativa entre os veciños e veciñas de Negreira para dar a coñecer a súa situación.

Transportes Manuel Rial SL é unha empresa de transporte de mercadorías por estrada de Negreira que fai o reparto para a Cooperativa leiteira Feiraco para todo o Estado, ademais de traballar para outros clientes. Os traballadores desta empresa traballan unha media de 60 horas (entre horas de conducción, espera e carga e descarga). É habitual que saian o domingo e volvan o sábado seguinte polo que pasan na súa casa apenas un día á semana, traballando festivos (que non cobran) e desfrutando unicamente 15 días de vacacións anuais distribuídos cando a empresa lle convén. Todo isto por una cantidade fixa mensual e sen cobrar a paga extraordinaria de marzo.

No pasado ano comezou a actividade sindical e tras varias asembleas decidiuse mudar a situación facendo unha proposta á empresa para rebaixar as horas e cobrar conforme ao traballado, ademais de deixar o sábado e o domingo para o descanso na casa poñéndolle, en todo caso, un prezo a estes días para cando fose estritamente necesario traballalos. Regular as cargas e descargas, as dietas ademais dos horarios dos traballadores que fan o reparto do pienso para Feiraco (só por Galiza). Facer o calendario de vacacións e pagar todas as pagas extraordinarias eran parte do acordo. Tras varias reunións, no mes de setembro a empresa decidiu romper unilateralmente as negociacións.

Daquela, parte do cadro de persoal solicitou traballar só as horas polas que estaban cobrando dado que a empresa se negaba a cumprir o convenio colectivo. A resposta da empresa foi a represión e a chulería. Deixou de pagar os salarios e as dietas a estes traballadores, tivéronos sen traballo fora da casa (en Valencia, Valladolid, Madrid, Barcelona...), obrigábanos a chegar sempre en fin de semana... e cando viron que non os conseguían dobregar deixáronos sen traballo efectivo e van cumprir 2 meses nesta situación (nun caso catro meses) cumprindo 8 horas diarias diante da nave da empresa. E todo isto ten un nome: acoso laboral.

Con esta nova mobilización a CIG recórdalle á empresa que non vai permitir esta situación por máis tempo e que desde agora inicia unha campaña para explicar aos veciños e veciñas de Negreira quen é Manuel Rial e como trata aos seus traballadores.

Contra a precariedade laboral e por un traballo digno en Transportes Manuel Rial!