marco
Vigo, 16/1/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Camiñando cara unha folga nacional

Mobilización das traballadoras do servizo de limpeza do Hospital de Montecelo pola equiparación e a carreira

Nova mobilización das traballadoras e traballadores das empresas adxudicatarias do Sergas, desta volta, na cidade de Pontevedra, e aproveitando a hora do descanso, un numeroso e ruidoso grupo de traballadoras manifestábanse diante do Hospital de Montecelo.

As traballadoras e traballadores da empresa adxudicataria de Clece, que realizan a limpeza do Complexo Hospitalario de Pontevedra, manifestábanse desde as dez da mañá para unirse deste xeito ás outras mobilizacións realizadas nos hospitais de Vigo, e que se van estendendo ao longo do país con asembleas e novas convocatorias, que van camiño dunha folga nacional pola equiparación salarial e a carreira profesional.

Cumprimento do convenio

Clece, a empresa concesionaria do servizo de limpeza, ten asinado coas traballadoras e traballadores a equiparación cos grupos E e D do Sergas, pero está a incumprir estes pagos.

O obxectivo desta concentración, ademais de pola cuestión da carreira profesional e a equiparación salarial co persoal do Sergas, viña motivado pola protesta polo impago de varios conceptos salariais en materia de antigüidade.

As mobilizacións e asembleas continuarán nas próximas semanas, coa posibilidade dunha convocatoria de folga en todos os hospitais galegos a finais de mes, así como un encontro previo de delegados e delegadas en Compostela, para continuar a presionar ao Sergas e as empresas concesionarias para que cumpran co seu compromiso da equiparación salarial e o pago da carreira profesional.