O presidente da Mesa asegurou que “unha das primeiras decisións que tomou o presidente Touriño foi retirar estas subvencións, a pesar de que están recollidas en catro medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento durante o goberno de Manuel Fraga”. Callón demandou que, ademais de retomar estas axudas, se melloren: recordou que durante o goberno do PP “estas medidas non serviron sempre para a finalidade que foron creadas”, polo que dixo que “ten que haber unha fiscalización e ademais hai que informar aos comerciantes e á cidadanía, e teñen que estar abertas ao longo de todo o ano, non só nun único periodo concreto de convocatoria”.
Segundo A Mesa “non hai unha correspondencia entre o número de persoas que usan o galego no seu día a día e os niveis de utilización deste idioma nos sectores industriais, comerciais e financeiros, especialmente nos usos considerados máis formais, como a rotulaxe ou a publicidade, e tampouco existe unha consciencia sobre a existencia de dereitos lingüísticos neste ámbito, que se deben garantir e respectar”.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística do Goberno galego, dependente directamente do Presidente da Xunta, non adoptou en toda a lexislatura as medidas necesarias para mudar a situación. Estas medidas están contempladas tanto no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, como na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), ratificada por unanimidade no Congreso dos Deputados en 2001, en ambos os casos baixo mandatos do Partido Popular.
Segundo Carlos Callón, “non está garantido que unha persoa poida realizar con normalidade as xestións empresariais máis habituais sen ter que renunciar ao uso do galego”.
Medidas incumpridas
Entre as medidas do Plan Xeral que están a incumprirse, no informe da Mesa destácanse o asesoramento lingüístico ás empresas para “que os cadros técnicos poidan desenvolver en galego a súa actividade e sexa posíbel así conservar a lingua en todo o proceso produtivo”; “subvencionar e animar a publicidade en galego, centrando o esforzo nas empresas de publicidade”; ou estabelecer acordos [co sector bancario e do aforro] para que na selección de persoal, especialmente de aquel destinado á atención directa ao público, se garanta a competencia lingüística en galego que permita pór en práctica a Oferta positiva [atender inicialmente en galego].
Carlos Callón fixo fincapé na necesidade, tal e como recolle o PXNLG, de “programar cos sindicatos, comités de empresa e Consello Galego de Relacións Laborais a introdución dos dereitos lingüísticos dos traballadores como cláusula de oficio en todos os convenios colectivos”. O presidente da Mesa recordou que a Consellaría de Traballo xa se comprometera a poñer en funcionamento esta medida, “algo que até o de agora aínda non se fixo”.
Entre os incumprimentos da CELRM máis graves sinalados pola Mesa, está o do artigo 10, no que se sinala que os servizos públicos (telefonía, electricidade, gas, etc), tanto se son proporcionados polo Estado como se se trata de concesións ou autorizacións administrativas, deben ter cláusulas de dereitos lingüísticos, nomeadamente garantindo a atención ao público e a facturación en galego.
Dereito de atención en galego
Porén, na actualidade a maioría dos servizos públicos vulneran o dereito de atención en galego tanto oral como escrita. Aínda son moi poucas as compañías telefónicas que ofrecen servizo en galego, ou ben só teñen atención nesta lingua nalgunhas horas. Hai empresas de fornecemento de gas que non recoñecen a validez dos escritos en galego e que obrigan a que a atención ao cliente sexa en castelán. Por tanto, o compromiso adquirido polo Estado continúa a se incumprir flagrantemente.
Carlos Callón denunciou que “o galego está ausente da maioría da documentación financeira e bancaria, a pesar dos pasos dados por Caixa Galicia e, en menor medida, Caixanova” e sinalou que “é rechamante que o Estado español, no último informe que lle enviou ao Consello de Europa sobre a aplicación da CELRM, recoñecese que foi o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística o que conseguiu adiantos para o galego no sector bancario e financeiro”.
Ademais, a Carta sinala a obriga de organizar actividades no sector público para promover o uso das linguas minorizadas. Segundo A Mesa, non houbo tales actividades de promoción do galego. Empresas públicas como RENFE e ADIF (servizos ferroviarios), Correos e Telégrafos ou AENA (aeroportos) só utilizan o galego “parcialmente nalgunha da súa documentación máis formalizada”.
Non hai suficiente persoal con capacidade de atención en galego nin hai programas de formación para solucionalo. Son de sinalar tamén, segundo a asociación en defensa da lingua, outros casos como Navantia, onde se exclúe totalmente o galego, fronte a outras empresas privadas do mesmo sector que están a acometer a súa galeguización, como Barreras.
En canto á campaña de criminalización contra a Mesa, Callón sinalou que “por moito que repitan unha mentira, non se vai converter en realidade” e afirmou que “aínda que nos denuncian por defender a lei, seguiremos defendéndoa”.