O Grupo Vázquez eliminou 15 servizos na liña que une Carballo con A Coruña (4 de ida e 11 de regreso). Dáse a circunstancia que, desde as 17:25 até as 19:00 horas, non hai buses que unan ambas localidades, cando anteriormente a frecuencia era de media hora. Tamén se reduciron servizos entre a capital de Bergantiños e a zona costeira da comarca (Malpica, Laxe, etc) e coa Costa da Morte.
A Xunta de Galiza, por medio da Dirección Xeral de Transportes, é cómplice do desmantelamento deste servizo público ao non impedir que as empresas reduzan as frecuencias. A CIG-Transporte, pola súa banda, xa leva denunciando desde hai anos está situación que padecen os viaxeiros de Bergantiños, Costa da Morte e Muros.
Xesús Pastoriza e Ernesto López Rei, responsábeis nacional e comarcal da CIG-Transporte, respectivamente, reuníronse na mañá do 15 de outubro cos alcaldes da Laracha e de Carballo para instalos a que exerzan presión ante a Dirección Xeral de Transportes. “Os alcaldes xa coñecían como está o transporte desde hai tempo, mais a única que saíu publicamente a denuncialo foi a CIG”, dixo López Rei na rolda de prensa celebrada en Carballo ese día.
Pastoriza arremeteu contra o presidente da Xunta polas súas declaracións grandilocuentes nas que cualificaba o 2008 como o “Ano do Transporte”. Pois ben, as liñas continúan a se reducir no conxunto do país e a “Xunta o único que reclama é o aumento da Garda Civil nas estradas”, explicou o responsábel nacional da CIG-Transporte. “O Goberno autonómico” – prosegue Pastoriza- “aposta pola represión en lugar da prevención. Cantas menos liñas de transporte colectivo haxa, a xente optará aínda máis polo uso do automóbil, o que incrementará as posibilidades de accidentes”.
A CIG emprenderá en breve unha campaña de información aos usuarios acerca da situación nefasta que padece o transporte de viaxeiros na bisbarra de Bergantiños. Consistirá na pegada de carteis nas marquesiñas e no reparto de folletos entre os viaxeiros. Do mesmo xeito, a central nacionalista insta os usuarios a formular as súas queixas nas follas de reclamacións que existen nos propios autobuses.
Na comparecencia de prensa do 15 de outubro en Carballo, alén de Pastoriza e López Rei, tamén participaron Indalecio López, secretario da Unión Local da CIG, e Celestino Rivas, delegado da central no Grupo Vázquez.