No 112 hai en torno a 70 traballadoras e traballadores, que son os encargados de atender todo tipo de chamadas de emerxencia, urxencias médicas, accidentes, incendios ou mesmo unha avaría no coche, durante 24 horas ao día e os 365 días do ano. Elas e eles son os encargados de xestionar esas chamadas mobilizar os recursos necesarios e atender aos afectados en primeira instancia. Polo tanto, estamos diante dun servizo público de primeira orde e que a administración pretende xestionar como se fora un servizo privado que nada tivera que ver con eles.
Adoita ocorrer que haxa que reforzar o servizo con xente que está de días libres. Existen gardas de 24 horas que non son remuneradas, nas que o traballadoras ou traballadoras teñen que presentarse no prazo máximo dunha hora no posto de traballo se é requirido/a. Ademais, os salarios están en torno aos 800 euros e teñen que ser completados con traballos en noites, domingos e festivos para conseguir unhas retribucións máis dignas.
Reiterados incumprimentos
O motivo de retomar, neste intre, as mobilizacións son os reiterados incumprimentos tanto da empresa, no seu día, como agora da Dirección Xeral de Protección Civil, que se comprometera a mellorar as condicións laborais e salariais de cara á nova contrata que se adxudicará nos próximos días e que incumpriu.
Desde a sección sindical da CIG do 112 afirman que están fartos de que se pida parar as mobilizacións porque os problemas se van solucionar. Porén, unha e outra vez atópanse na mesma situación. Por iso séntense enganados e decepcionados cunha administración que ten demostrado que non cumpre cos compromisos que ten asumido.
As mobilizacións
Polo momento, as medidas de presión adoptadas son a colocación de máis de 70 pancartas en diversos concellos do país (A Coruña, Compostela, Lalín, Rianxo, Arzúa, Monforte, A Estrada...).
Esta semana enviouse unha carta a todos os concellos, agrupacións de protección civil, parques de bombeiros... en total 895, nas que se explica a situación de precariedade laboral que soportan as traballadoras e traballadores do 112 a estes organismos e colectivos que adoitan colaboran con este servizo a diario.
O obxectivo é dar a coñecer o conflito, para nas vindeiras semanas comezar unha recollida de sinaturas en todos os concellos do país e establecer un calendario de mobilizacións para denunciar a situación e exixir unha inmediata solución.
A sección sindical da CIG reactivou o seu blog 112enloita.blogspot.com no que se pode consultar o día a día destas mobilizacións, que vos animamos a que visistedes