marco
Compostela, 16/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Demandan a súa implicación na solución do conflito

Membros da CIG concéntranse nos accesos a Feiraco en solidariedade cos traballadores de Transportes Rial

Medio cento de membros da CIG concentráronse na mañá do luns día 16 de xuño nunha das estradas de acceso a cooperativa Feiraco para denunciar as represalias que padecen, desde hai 10 meses, os traballadores da empresa Transportes Manuel Rial S.L.

Estes traballadores veñen sufrindo todo tipo de presións, vexacións e represalias nesta empresa de transportes por pretender que a empresa cumprira o convenio colectivo do sector, mantendo a cinco deles sen traballo efectivo desde o mes de setembro.

A concentración, de caracter simbólico e que durou aproximadamente unha hora, realizouse diante de Feiraco non coa intención de impedir o traballo ou o acceso á fabrica senón co obxectivo de chamar a súa atención sobre o seu papel no conflito que enfronta aos traballadores coa empresa Manuel Rial. Feiraco supón máis do 50% da carga de traballo desta empresa de transportes e, polo tanto, entendemos que non ignorar que lle está pagando a unha empresa que mantén en condicións de explotación aos seus traballadores tal e como foi probado en varias sentenzas firmes do xulgado do social de Santiago.

Nestas sentenzas considerábanse feitos probados que Transportes Manuel Rial obriga, baixo ameazas de despedimento e desconto nas nóminas, a traballar máis de 15 horas diarias superando os máximos legais permitidos, que están en nove horas diarias. Para poder facer isto obrigaba aos traballadores a romper os discos de tacógrafo e meter uns novos unha vez superada a xornada legal, ou a facelos a nome doutro condutor que non se atopaba no camión. Tamén foron considerados como feitos probados, entre outros, que os traballadores non desfrutan de vacacións nin reciben ningunha compensación en descansos por todo este tempo traballado a maiores.

Quedou claramente comprobado que existían represalias, ameazas e insultos por parte de Manuel Rial, propietario da empresa e que unha destas prácticas era manter sen traballo efectivo, diante da nave e a intemperie, a varios dos traballadores algo que ocorre desde hai nove meses e continúa a día de hoxe.

Por todo isto, a empresa foi condenada a pagar unha multa e a repoñer nos seus postos de traballo a estes traballadores algo que incumpriu tal e como pode comprobar calquera que circule polo Lugar da Barca, en Negreira, onde permanecen diante da nave todo o seu horario laboral.

No mes de outubro do pasado ano, esta situación foi comunicada a Feiraco, ao tempo que se lle solicitaba unha mediación para unha solución negociada no conflito. Se ben naquel momento Feiraco alegaba descoñecer as condicións que mantiñan as empresas ás que se contrataba o transporte, cos seus traballadores, hoxe, con sentenzas firmes que o confirman xa non pode mirar para outro lado.

No día de hoxe, a CIG fará entrega de copia de todas as sentenzas a esta cooperativa exixíndolle unha maior implicación para buscar unha solución ao conflito. Do contrario entendemos que deberan rescindir o contrato con esta empresa na que está constatada a situación de abuso e explotación laboral á que somete aos seus traballadores. Da mesma maneira que se denuncia que unha empresa se aproveita da explotación en países do Terceiro Mundo cremos que non se pode permitir que unha empresa galega se aproveite da explotación laboral dos traballadores de Manuel Rial.