O devandito manifesto pretende ser unha resposta, desde Galiza, ás agresións que nos últimos tempos se veñen sucedendo contra calquera avanzo, por tímido que sexa, no proceso de normalización de usos sociais do noso idioma. Dunha banda, desde colectivos e plataformas (tamén medios de comunicación) de ámbito estatal, e que contan co amparo de forzas políticas como o PP ou a recén creada UPyD, que veñen manifestando un discurso sectariamente españolista, uniformizador e reaccionario, negador da realidade plurilingüística do actual Estado español.
E doutra banda, desde os ecos que esas posicións político-ideolóxicos teñen en Galiza, a través tamén de colectivos como Galicia Bilingüe, totalmente belixerantes coa lingua e cultura galegas, e aos que vén de sumar o Club Financeiro de Vigo, cun documento titulado “Política lingüística: unha visión empresarial”, no que, desde unha análise delirante da realidade lingüística do noso país, se propón a práctica exclusión do galego da vida pública.
Esas son razóns máis que suficientes para que a CIG, como central sindical nacionalista que avoga pola normalización plena do idioma galego, se sumase ao Manifesto e reitere o seu compromiso coa lingua nacional do noso país.