marco
Vigo, 16/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Imaxe da concentración fronte á Delegación da Xunta en Vigo dos traballadores de Extraco en folga o 16 de setembro.
A traballadora de Extraco, Maria Carme Serantes.
Entrevistamos á traballadora discriminada

Continúa a folga e as mobilizacións en Extraco polo cambio de horario dunha traballadora que lle impide levar á filla á garderia

Os traballadores de Extraco continúan en folga indefinida desde o 10 de setembro porque a empresa se nega a cumprir o pacto acadado despois dun largo conflito, mediante o cal acordábase, entre outras cousas, que a administrativa tería xornada continuada para poder levar ao seu fillo pequeno á gardería. Por esta razón, o martes 16 de setembro mobilizáronse fronte á Delegación da Xunta de Galiza en Vigo, para visibilizar o seu conflito e demandar da Xunta e de Política Territorial que asuma ás súas responsabilidades e medie diante desta grave vulneración de dereitos.

Ás once da mañá na Delegación da Xunta de Galiza en Vigo comezaban os traballadores de Extraco a concentrarse para denunciar a situación que unha compañeira que realiza as funcións administrativas na empresa está a vivir, despois de que tivera lugar unha folga nesta empresa no pasado mes de abril. A empresa négase a adecuar o horario para que ela poda levar á filla á garderia, o que provocou que neste momento a traballadora se encontre de baixa por unha depresión.

Falta de sensibilidade de Política Territorial

Alberte Fernández, secretario comarcal da CIG Construción de Vigo, demandou de Política Territorial "que escoite aos traballadores, xa que Extraco é unha empresa concesionaria dun servizo dependente desta Consellaria da Xunta, porque non pode continuar a permitir que se vulneren os dereitos dunha traballadora nunha empresa da que é responsábel. De feito, a delegada provincial de Política Territorial, á que lle pedimos manter unha xuntanza, está a ter unha actitude de falta total de sensibilidade con este tema".

Política de acoso clara

Fernández subliñou que "a empresa está a realizar unha política de acoso clara contra esta traballadora e sen ningunha xustificación laboral, empresarial ou produtiva, só para amargarlle á vida e que marche da empresa".

Entrevista coa traballadora

Falamos con esta traballadora, Maria Carmen Serantes, nunha entrevista na que explica pormenorizadamente que foi o que aconteceu. Denuncian acoso laboral na oficina

- Cal é a situación coa que te encontras?

Eu estou traballando na conservación de estradas de Pontevedra Sur, que é unha obra da Xunta de Galiza. Esta concesión colleuna desde o 1 de xullo de 2007 Extraco. Xa viña alternando horario partido e horario continuo. No horario continuo viña facendo de oito da mañá a catro da tarde.

O problema comezou despois do conflito laboral que tivemos entre marzo e abril. Chegaron a un acordo de facerme a min a xornada continua, e nesa xornada, posteriormente, esixiron que fora ás sete e media da mañá.

Para min ás sete e media da mañá resulta un horario imposíbel porque teño unha nena de dous, levo máis de cinco anos traballando na empresa e é agora cando xurden os problemas. Ás sete non teño xeito de deixar á nena en ningún sitio, porque non hai en Ponteareas ningún sitio aberto tan cedo.

- Que solucións aporta a empresa?

    A saída que me dan é que colla este horario, que me imposibilita atender á miña filla ou que me acolla á redución de xornada, cando antes xa viña facendo desde oito ás catro da tarde e non houbo nunca ningún problema. Non hai nin razóns produtivas nin de ningún tipo, só é un xeito de tentar que marche do meu posto de traballo.

- Que situación se crea desde o momento no que se muda o teu horario?

Eu vivin unha situación de auténtico acoso por parte da empresa. O que é penoso é que tendo unha lei que supostamente nos ampara pois que teñamos que continuar a vivir situacións deste tipo.

Agora mesmo estou nunha baixa por depresión. A miña situación psíquica non é moi boa, porque estou a pasar uns nervios tremendos.

O problema é a conciliación da vida laboral e familiar, que se me fai imposíbel só desde o mes de abril, asi que o que vexo é que todo vén derivado de que nos mobilizaramos e foramos todos os compañeiros xuntos á folga. Eu na oficina estou eu soa, baixo ás ordes dun xefe. Teño os apoios da xente da obra.

-Que reflexións realizas de todo este conflito?

Do que tiro en positivo de todo isto é a unión e a solidariedade de todos neste proceso, ter a todos os meus compañeiros en folga para que se respecten os meus dereitos. E polo menos que todas as persoas que se encontren na mesma situación pois que loiten en verdade para que se recoñezan os seus dereitos, e máis se hai crianzas polo medio, porque xa temos recoñecida certa situación e non se pode atacar a unha traballadora por aí.