Máis de cen persoas, entre traballadores/as e veciños/as, volvían sair ás rúas de Catoira, desta volta contra o expediente de regulación de emprego, que pretende deixar sen traballo a 21 persoas e pasar a fixos discontinuos a outras 15. Desde o mes de abril, pasaron de traballar en Cedonosa 112 persoas ás 76 actuais, xa que se prescindiu dos traballadores e traballadoras temporais, e mesmo outras optaron por marchar.
Esta mobilización partiu da fábrica de Cedonosa e foi até o concello de Catoira, e na que os berros máis escoitados foron "Cedonosa solución", "Queremos traballar e non mendigar", ou "Traballo si, despidos non".
"Non imos deixar de loitar"
O presidente do Comité de empresa, da CIG, Ramón Conde, subliñou que "non imos deixar de loitar para que non se fagan efectivos estes despedimentos porque Cedonosa o que precisa son traballadores para que a empresa sexa viábel. Coa carga de traballo que hai actualmente necesitamos xente, pero a dirección mesmo parou un forno a propósito para tratar de demostrar que sobra persoal. A quen hai que despedir é ao equipo directivo".
Plan de viabilidade irreal
Xoan Xosé Bouzas, da CIG Salnés, criticou o plan de viabilidade presentado pola empresa porque "é ficticio e non ten ningunha base real". Ademais engadiu que "a dirección de Cedonosa é cómplice da crise financeira desta firma xa que están a facer todo o posíbel para parar a produción, o que provoca que haxa aínda máis perdas".
Incendio dunha nave
O sábado posterior a esta mobilización produciuse un incendio nunha pequena parte dunha nave da fábrica de Cedonosa. O lume prendeu ás tres da mañá e afectou a uns 200 metros cadrados, nos que había palés de madeira, caixas de cartón e plásticos.
O presidente do Comité de Empresa manifestou sobre a posíbel intencionalidade deste lume que "quen queira apoiar a Cedonosa o que ten que facer é vir ás manifestacións", e relacionando este feito coa grave situación pola que pasa esta empresa sinalou que "hai tempo que Cedonosa se incendiou e foi a dirección da empresa quen prendeu as lapas. Ese lume, o da loita dos traballadores pola defensa dos postos de traballo, é o importante, e o resto non é máis que para chamar a atención".