Están chamadas á folga as traballadoras e traballadores do comercio (maior e menor) de produtos de material eléctrico, electrónico e informático, de todo tipo de maquinaria, de materiais de construción, pinturas, vernices, material de saneamento e decoración, de máquinas, de accesorios útiles agrícolas, incluídos tractores, repostos e accesorios de vehículos de motor, de reloxos, xoiaría e prataría, de vehículos de motor, motocicletas, bicicletas, ciclomotores, de téxtil, de pel e en xeral, todas aquelas empresas que, dentro da actividade do comercio non estean encadradas noutro convenio de sector ou empresa.
Quedan excluídas, polo tanto, as grandes superficies comerciais e o comercio-alimentación, do moble e papel e as drogarías e perfumarías.
A táboa reivindicativa presentada pola parte social inclúe, entre as súas principais demandas, un incremento salarial que permita rematar coa precariedade que padece o sector, onde os salarios non superan os 700 ou 800 euros; que se teña en conta a categoría (real) para fixar o salario e que as categorías sexan acordes coa función desenvolvida; que se facilite a conciliación; reducir o número de contratos a tempo parcial e favorecer a xornada a tempo completo e que se regule en convenio a compensación por xornadas en domingos ou festivos.