A Escola de Canteiros de Poio funciona desde hai máis de trinta anos, e despois de pasar unha media de dous ou cinco anos, como canteiro ou mestre de canteiro, os alumnos que saen desta escola non conta con titulo acreditativo válido de ter realizado esta formación. Esa é a razón pola que decidiron constituir a Asociación de Canteiros de Poio, de alumnos e ex alumnos desta Escola, moitos deles afiliados á federación da Construción da central sindical nacionalista.
Presentación pública
Ás 12 da mañá, no local sindical da CIG de Pontevedra, presentábase diante dos medios esta asociación. Na rolda de prensa estiveron presentes Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG-Construción, Manuel Xestelo e Xabier Diéguez, ex alumnos da Escola, Jonathan López e Ruben Touriño, actuais alumnos desta escola, e Rafa Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra.
Responsabilidade da Deputación e de Educación
Agulla salientou que "calquera alumno de calquera obradoiro de emprego ou que asista a calquera curso de formación obtén máis puntuación, ou cando menos se lle recoñece que tivo unha formación, e nesta Escola, que depende da Deputación de Pontevedra, isto non acontece". Esta situación "vense arrastrando desde hai anos e é xa case que unha cuestión estrutural da que ningunha das administracións competentes fai nada por mudar" subliñou Agulla, en referencia ás responsabilidades diretas que ostentan neste tema tanto a Deputación de Pontevedra, responsábel do centro, como a Consellaria de Educación, que é a que regula as certificacións académicas.
Esta asociación de canteiros realizará accións e mobilizacións tendentes a denunciar a situación na que se encontran, xa que "moitas veces a escola por esta falta de titulación chega a converterse nun viveiro de desempregados", e conseguir a certificación oficial dos seus estudos.
Entrevista co alcalde de Poio
O venres 17 de outubro ás dez da mañá a recén consituida asociación entrevistouse co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e coa concelleira de Educación, Luz Senra, que lles amosaron un total apoio as súas reivindicacións. O martes 21 de outubro manterán unha reunión coa Deputación de Pontevedra.
O luns 20, mentres, volverase inaugurar un novo curso nesta Escola de Canteiros. Agulla cre que "aqui pode haber saídas, e que imos conseguir o recoñecemento da familia profesional no ámbito da pedra con tres niveis formativos: básico, medio e superior, nos que se demostre a acreditación de competencias das persoas que formaron parte ou forman desta escola".
O secretario comarcal da Federación da Construción engadiu que "noutras zonas do Estado existe este recoñecemento, como é o caso de Andalucia, e houbo outros casos de escolas e institutos de formación no noso país no que se conseguiu a homologación como na Escola de Artes Gráficas ou na de Restauración, ou o mesmo aconteceu cos cursos que daba o Instituto Galego de Formación Acuícola" .
Ameazas ás persoas pertencentes a esta nova asociación
Agulla, por último, denunciou que os integrantes desta asociación recibiron ameazas por parte da Dirección de Escola, pola campaña que está a desenvolver pola homologación do título, conxuntamente coa CIG, porque "é que ademais crearon unha situación de pánico, e van difundindo unha versión na que nos acusan de que queremos pechar a Escola, mais ben saben que o que queremos é potenciala e dignificala, polo que sospeitamos que o que hai detras é que esas persoas da dirección podan non ter o perfil acaido para continuar nese posto, se se fixeran as cousas como terían que ser".