marco
Compostela, 17/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Durante os primeiros nove meses do ano rexistráronse 181 accidentes máis que no 2007

A CIG alerta do incremento da sinistralidade laboral na provincia de Ourense

A CIG de Ourense vén de denunciar que a provincia continúa a estar á cabeza nos datos oficiais referidos á sinistralidade laboral, en contra da tendencia á redución que se rexistra no resto de Galiza. Nos nove primeiros meses de 2008 contabilizáronse 181 accidentes durante a xornada de traballo, o que representa un incremento do 5,49% fronte á media galega, situada no 0,05%.
Un traballador faleceu en setembro do ano pasado a causa do derrube dun dos viaductos que se están a construír en Ourense para o paso do AVE.

Coñecidos e feitos públicos os datos oficiais de sinistralidade dos nove primeiros meses do ano, pódese comprobar que Ourense rompe a tónica de estancamento e mesmo de redución que se da no resto de Galiza, superando de xeito considerábel a media de accidentes laborais.

De xaneiro a setembro hai rexistrados 181 accidentes máis na provincia (con resultado de baixa médica) durante a xornada laboral. En total xa se contabilizaron 3.476 sinistros, mentres que no 2007 a cifra total en Ourense foi de 3.295.

Destes accidentes, 4 foron graves (sumando 56, fronte aos 52 do pasado ano) e 179 leves (pasando de 3.237 a 3.416). Pola súa banda, os accidentes mortais reducíronse de 6 a 4.

Isto representa un incremento porcentual do 5,49% fronte ao practicamente inapreciábel 0,05% da media galega.

A respecto destes datos, o secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, reitera que “de novo temos que insistir na necesidade de que se cumpra a normativa en materia de prevención de riscos e de que a autoridade laboral debe mostrar máis celo nas súas funcións de vixilancia de tal cumprimento”.

Prolongación da xornada de traballo

O secretario comarcal da CIG Ourense atribúe este incremento na sinistralidade laboral a factores como a prolongación da xornada laboral nas obras públicas, “como as da construción do AVE, prolongación coñecida por todos e negada pola Inspección de Traballo”.

Blanco insta á administración a adoptar medidas e elaborar accións de cara a evitar que se continúen incrementando os accidentes no traballo. “Debemos salientar, unha vez máis, que seguimos, desde primeiros de ano, agardando a convocatoria da Delegación de Traballo para mantermos os contactos previstos entre Sindicatos, Inspección, Autoridade Laboral e Fiscalía especializada en sinistralidade, no camiño de abordar accións conxuntas na materia”.