A normativa vixente (RD 155872995 e o Decreto 266/2007, publicado no DOG do 28 de xaneiro de 2008) estabelece a existencia do Consello Social como novo órgano colexiado de participación nos Centros Integrados de Formación Profesional da Galiza, órgano totalmente inapropiado e inaceptábel para a CIG-Ensino. Como consecuencia, nestes centros non se contempla a renovación dos seus consellos escolares, mesmo nalgúns Centros Integrados xa foron disoltos por non estaren contemplados nos Decretos antes citados. A falta de desenvolvemento desta normativa provoca que tampouco se podan constituír os consellos sociais dos Centros Integrados ao non estar elaborada e publicada a lexislación referida á elección e designación dos seus membros.
A CIG-Ensino entende que, mentres non se regule a constitución dos consellos socias nos Centros Integrados de FP, debe considerarse que teñen que seguir actuando os consellos escolares porque o contrario significaría furtar a participación da comunidade educativa na toma de decisións importantes neses centros nos que, ademais, hai unha eiva significativa na xestión democrática ao ser a dirección nomeada polo procedemento de libre designación.
Con este obxectivo, a CIG-Ensino demanda que a Consellería de Educación dite instrucións claras para prorrogar o mandato dos consellos escolares dos Centros Integrados de FP mentres non se constitúan os consellos sociais dos mesmos.