marco
Vigo, 17/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Ás sete da mañá os grupos de piquetes reunianse na Praza do Rei para comezar esta xornada de folga.
O Centro Comercial A Laxe foi outro dos lugares ao que se moveron os grupos de piquetes ao longo da mañá.
Tamén chegaron estes piquetes ao Centro Comercial Gran Vía.
A Policia realizou numerosas identificacións aos folguistas ao longo de toda a xornada.
A Policia tentou impedir violentamente a manifestación das traballadoras da limpeza en folga.
A manifestación baixou finalmente pola Gran Via até a Praza da América.

Amosao na túa páxina 
Seguimento maioritario das traballadoras/es do sector

Éxito no seguimento da primeira xornada da folga indefinida na limpeza de edificios e locais na provincia de Pontevedra

O 17 de novembro comezaba ás doce da noite a folga na limpeza de locais e edificios pola negociación do convenio provincial de Pontevedra deste sector. Esta folga ten carácter indefinido e está a ter unha importante repercusión nas áreas comerciais, aeroporto, na Universidade de Vigo, ambulatorios, xa que se está a visibilizar o conflito destas traballadoras e traballadores, e a súa loita por un convenio xusto e polas melloras laborais e sociais que tan necesarias son neste sector tan precarizado, que ten un salario medio de 753 euros.

Desde as sete da mañá as traballadoras e traballadores do sector da comarca de Vigo xuntábanse na Praza do Rei para organizar os grupos de piquetes. Antes xa comezara o labor destas folguistas que se achegaban ao Camiño do Caramuxo e a outras empresas que comezaban a traballar antes.

Desde a Praza do Rei, estes centos de piquetes acudían até o Cuvi, da Universidade de Vigo, onde percorrían os distintos centros de traballo das empregadas e empregados da limpeza.

Pasadas as dez da mañá, os piquetes dirixíronse a Peinador, e pouco despois comezaron a percorrer distintas áreas comerciais de Vigo, como o Centro Comercial A Laxe ou o Centro Comercial Gran Vía de Vigo.

Forte presenza policial

Desde a Universidade até ao Centro Comercial Gran Vía foron numerosas identificacións ás persoas que conformaban estes piquetes, e fíxose notar unha forte presenza policial.

Esta presenza chegou a ser intimidatoria e violenta, cando un grupo de perto de 200 folguistas decidía marchar en manifestación desde o Centro Comercial Gran Vía até o Centro Comercial Camelias, na Praza de América. Neste momento houbo unha tentativa de carga contra o grupo de traballadoras e traballadores, que se mantiveron firmes na súa decisión de mobilizarse polas rúas de Vigo para visibilizar o seu conflito.

Pola tarde continuou o traballo destes piquetes na comarca de Vigo, que tamén se desenvolvou con firmeza na comarca de Pontevedra ao longo de todo o día.

Denuncias desde a CIG Servizos de Pontevedra

Desde a CIG Servizos de Pontevedra informan de que "se levarán a cabo de ser necesarias denuncias a Inspección de Traballo e no Xulgado a aquelas empresas do sector que substitúan aos traballadores dos centros que secunden a folga por traballadores doutros centros ou daqueles centros que estean limpando co persoal que non pertence ao sector, pois constitúe un delito tipificado no Código Penal e incumpre o dereito á folga que recolle a Constitución".

Tamén avisaron desde a CIG Servizos de Pontevedra ás empresas do sector "de que non se pode sancionar nin despedir a ningún traballador por secundar a folga".

"Éxito e avaliación moi positiva"

Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo, mostrou a súa satisfacción polo amplo seguimento que está a ter a folga, asi como pola capacidade dos folguistas de dar a coñecer a dimensión do seu conflito e visibilizar entre a cidadanía que a limpeza está en folga".

A secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo lamentou a actitude da patronal que "o domingo pagou nos xornais publicidade das súas opinións para crear confusións e non é quen de sentarse a negociar coas traballadoras e traballadores do sector, que cobran unha media de 753 euros, que é unha miseria".

Máis imaxes

Tedes máis imaxes desta mobilización na Galería da nosa web.