marco
Compostela, 17/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A manifestación partirá ás 11:30 horas da Consellería de Medio Rural e rematará no Obradoiro

O SLG convoca mobilizacións o 18 de novembro “polo dereito á negociación colectiva dos prezos agrarios”

O SLG convoca para o 18 de novembro unha mobilización polo dereito “á negociación colectiva dos prezos agrarios”. Segundo explican dende o Sindicato Labrego Galego, “a grave situación que arestora están a sufrir as explotacións agrarias en xeral e as leiteiras en particular, perante do risco a vérense abocadas a vender a súa produción a prezos ruinosos, pon de releve a irregularidade predominante no sistema de contratación agraria que, no caso do leite se vendeu como a estabilidade a través dos Contratos Homologados”.
A Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, anunciou a convocatoria das mobilizacións "polo dereito á negociación colectiva dos prezos".

O SLG lembra que en todo tipo de contratos, a/o traballadora/o primeiro negocia as condicións e o prezo do seu traballo e, se está conforme, asina.

Non obstante, sinalan que “no sector lácteo asinouse no mes de maio, por parte das industrias e de XXAA e UUAA, coa mediación da Consellaría de Medio Rural e o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, “todo o contrario ao sentido común e ao dereito: un contrato sen prezo para o noso traballo. E agora, por riba, van demandar nunha manifestación que ese contrato se cumpra!”

As empresas “fan e desfán”, marcan prezos á baixa constantemente sen que as organizacións asinantes nin as administracións lles podan poñer coto ningún. O SLG queren destacar que “os prezos de mercado márcanos industrias e distribución co único criterio de gañar máis e apoiar a industrialización do proceso de produción de alimentos. Aquí quen sempre perden son labregas e labregos e o conxunto da cidadanía”. Por este motivo o SLG defende o establecemento de prezos mínimos que cubran custos e traballo.

Convocatorias simultáneas

POr estas razóns, realizaron duras críticas contra as mobilización convocadas, tamén o 18 de novembro, por Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores. “Non nos cansaremos de defender que primeiro ten que haber un prezo mínimo para o leite e resto de produtos agrarios, establecido por norma, e despois refrendalo nun contrato. Esa é a diferencia substancial pola que hai convocadas dúas manifestacións. Non se pode andar enganando a ninguén: a unidade nas mobilizacións e nas reivindicacións rompérona XXAA e UUAA asinando un contrato sen prezo o 21 de maio, cando as gandeiras e os gandeiros estiveran na rúa o 30 de abril demandando prezo e estabilidade”.

A mobilización convocada polo SLG baixo o lema xeral “Polo dereito á negociación colectiva dos prezos”, partirá ás 11:30 diante da Consellaría do Medio Rural e rematará no Obradoiro, diante da sede oficial da Presidencia da Xunta de Galicia.