marco
Compostela, 17/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Se foi a súa Presidenta, Dolores Villarino, demanda a súa dimisión polo seu reiterado comportamento antidemocrático

A CIG exixe que o Parlamento clarifique quen ordenou impedir que se fixeran declaracións na presentación da ILP

  A CIG remitiu aos medios de comunicación unha nota na que exixe que o Parlamento de Galiza aclare quen tomou e por que, a decisión de impedir aos representantes da central, promotores da Iniciativa Lexislativa Popular, facer declaracións nin sequera ás portas do edificio do Parlamento de Galiza.

Para Suso Seixo, secretario xeral, é “sorprendente e alarmante” que se dean este tipo de actuacións precisamente onde reside a soberanía popular, ademais dun “retroceso”. Alén diso, entende que se quen deu a orde foi, como en anteriores ocasións, a súa Presidenta, Dolores Villarino, debe pedírselle a súa dimisión por manifestar unha conduta reiterada e claramente “antidemocrática”.

Para a CIG é especialmente grave que se adopte unha decisión destas características xusto cando se vai presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular, que precisamente ten como obxectivo garantir “a máis plural e intensa participación da sociedade civil galega no labor de dirección política da Comunidade Autónoma que leva consigo o exercicio da potestade lexislativa que lle acae”, segundo se recolle no Preámbulo da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galiza.