Até o de agora (e van xa 90 anos) a lexislación movíase entre 40 horas semanais (8 horas ao día) e 48 (algo máis de 9 horas e media ao día). Traballar entre 60 e 65 horas á semana supón unha media de mínimo 12 horas diarias o que superaría en máis dun 35% o que a Organización Internacional do Traballo (OIT) considera unha xornada excesiva e que ademais non aumenta a produtividade porque se xera menos rendemento.
Esta directiva consagra a completa liberdade de elección do traballador ou da traballadora, individualmente considerados, para negociar a súa xornada. Unha liberdade teórica, xa que ao suprimir neste decisivo aspecto a negociación colectiva, racha cun equilibrio esencial do modelo, e na práctica aboca aos traballadores e ás traballadoras a asumir calquera esixencia da patronal.
No mesmo Tribunal Comunitario que no seu día avalou a expansión de normas progresistas, adoptando para toda a UE a igualdade de xénero para consagrar a igualdade de salario en caso dun traballo de igual valor, tres das súas ultimas sentenzas rachan os equilibrios que existían entre o dereito de estabelecemento e o de folga, entre aquel e os convenios colectivos ou as normas de contratación pública, primando as peores condicións laborais dos países de orixe sobre as dos países de acollida a inmigrantes comunitarios/as.
A chamada Europa do benestar, marco onde proliferan todo tipo de directivas europeas, planes de traballo e programas comunitarios que teñen como obxectivo acadar a igualdade entre mulleres e homes no dereito comunitario, deixa de selo, presentado esta proposta de marcado carácter antisocial que precarizará aínda máis as condicións laborais das mulleres.
A situación no mercado de traballo das mulleres en xeral, e das que teñen responsabilidades familiares en particular, segue a estar condicionada polo rol de coidadora principal que o modelo social asigna ás mulleres, e que é reproducido pola patronal, percibindo á muller, a pesar do recoñecemento da súa crecente presenza no emprego e a súa mellor formación, como xeradora de problemas de custe económico e organización empresarial.
Nun marco de aumento da xornada laboral, esta situación agrava aínda máis as perspectivas laborais do conxunto da clase traballadora, pero, sobre de todo, das mulleres, xa que entra en colisión co goce do tempo persoal ou familiar, desequilibrando, unha vez máis, o reparto das responsabilidades familiares, sen incluír, por certo, apoio público real á familia creando centros de coidado ás persoas ou adecuando horarios escolares e laborais.
Pero esta medida non só impide a conciliación da vida familiar e laboral senón que ademais prexudica a saúde dos traballadores e traballadoras e da lugar a un incremento do risco de accidentes laborais e enfermidades, xa que as intensas xornadas de traballo xunto coa crecente degradación das condicións de traballo impulsada pola ansia de beneficios da clase empresarial e o incumprimento das obrigas en materia de prevención de riscos laborais, son unha das principais causas da sinistralidade laboral.
Canto máis horas se traballa, máis doado é ter un accidente laboral. Na actualidade a cifra de accidentes laborais é alarmante, ampliar a xornada laboral non faría máis que aumentar o número de accidentes laborais. Diversos estudos poñen de manifesto que os traballadores e traballadoras que fan horas extras son máis propensos e propensas a sufrir accidentes ou enfermidades, independentemente da idade ou do sexo.
Pasar 12 ou 13 horas diarias no traballo implica ter que comer fora da casa co cal serían 13 ou 14, se lle sumamos unha hora de desprazamento para ir e regresar do traballo á casa quedaríanse en 15 ou 16.Tan só con durmir as 8 horas diarias recomendadas, xa teríamos o día completo, 24 horas. Nin cear, nin almorzar, nin asearse, nin estar coa familia. A falta de descanso e sono pasan factura que derivan en algúns dos trastornos máis frecuentes como cefaleas, lumbalxia, gastroenterite, hipertensión arterial alteración do ritmo do sono, estres e depresión.
Por outra banda, o mundo laboral aínda funciona segundo o modelo masculino, a organización e os horarios seguen estando baseados na división de roles.Os homes tenden a traballar unha maior cantidade de horas que as mulleres, porque moitas veces o traballo a tempo parcial é a única opción compatíbel co coidado do fogar e da familia.
Se a xornada laboral aumenta ate 65 horas, moitas mulleres van ter que deixar de traballar, por ser as principais responsábeis dun traballo non remunerado, o do fogar, o coidado da familia e o traballo doméstico. Esta dobre xornada a que se ven sometidas moitas mulleres e que se coñece como dobre presenza, supón unha carga de traballo moi elevada para as mulleres que a sofren.
Diferentes estudos realizados ate o de agora poñen de manifesto que a carga horaria é máis elevada no caso das mulleres, se temos en conta as horas dedicadas ao traballo no fogar. A dobre presenza como risco para a saúde, está determinada pola dificultade que supón responder a esta dobre carga de traballo. Se a xornada de traballo se eleva ate 65 horas, pode que teñamos que empezar a falar xa non de dobre presenza senón de tripla presenza.
Por outra banda hai que ter en conta que os traballos maioritariamente desenvolvidos polas mulleres teñen unhas características comúns: son repetitivos, requiren a adopción de posturas incómodas e forzadas durante moito tempo, con ritmos excesivos como é o caso da industria das conservas, téxtil, caixeiras/os de supermercado, etc. Por outra banda implican o coidado doutras persoas e o traballo doméstico (coidadores/as, limpadores/as, enfermeiros/as). Estes riscos que se dan nos sectores feminizados producen danos para a saúde que derivan en trastornos musculoesqueléticos, fatiga e estres que se agravarían aínda máis co aumento da xornada laboral ate 65 horas, como consecuencia de estar máis tempo expostas e expostos aos riscos inherentes do traballo.
Outras consecuencias derivadas das longas xornadas de traballo: máis gastos para pagar a unha persoa que coide dos nosos fillos e fillas e persoas dependentes se non podemos acudir á familia, menos tempo ou ningún para gozar da familia, das amizades..., o que repercute na nosa vida social e na nosa saúde.
Onde queda a definición de saúde recollida pola OMS como o estado de benestar físico, mental e social completo e non a ausencia de dano ou enfermidade?
Nos tempos que corren, esta medida, leva a que a clase traballadora asuma na práctica calquera esixencia do empresariado e isto supón renunciar a un dereito consolidado tras longos anos de loita sindical.
As mulleres e homes da CIG non podemos permanecer en silencio fronte a este recorte dos nosos dereitos, por iso mobilizarémonos e sairemos á rúa para dicir non á esta directiva.