As Xornadas Internacionais de Economía Social foron inauguradas o 13 de xuño polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que estivo acompañado do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e de Ana Lorenzo Vila, representante da Federación de Cooperativas Sinerxia, entidade coorganizadora do evento. Todos eles coincidiron en salientar a necesidade de fortalecer o cooperativismo en Galiza como vía para un desenvolvemento económico equitativo e sustentábel para o país. Seixo, Varela e Lorenzo fixeron fincapé en potenciar esta clase de economía social, que xa conta con exemplos nos sectores agrario e pesqueiro, mais que cómpre desenvolver no consumo ou na vivenda.
Cooperativas de consumo en Portugal
"Nas cooperativas, os cidadáns interveñen na economía, non existe deslocalización, respéctanse os dereitos fundamentais dos seus empregados e os traballos son de calidade e indefinidos”. Estas son, a xuízo de Parreira, algunhas das vantaxes que reporta na sociedade esta clase de economía social, en contraposición coa precariedade, explotación e inestabilidade que ofrece aos asalariados o sector privado. “Por medio das cooperativas, existe un equilibrio entre o medre económico e o respecto dos dereitos dos traballadores”, salienta Parreira.
O cooperativismo responde a “uns valores humanistas e sociais” porque promove a “participación dos cidadáns nas empresas e os conciencia no consumo responsábel, ecolóxico e respectuoso co medio”.
Neste momento, as cooperativas volven rexurdir con forza no país veciño, despois do impasse sufrido durante a década dos oitenta. “A Constitución de 1976 garante a coexistencia das sociedades cooperativas, públicas e privadas como sectores económicos. Porén, após a Revolución dos Caraveis, sectores reaccionarios da sociedade se infiltraron nas empresas nacionalizadas e no conxunto da economía social para sabotalas”, explica Parreira. Non obstante, nos meses posteriores ao 25 de Abril chegaron a constituírense un milleiro de cooperativas relacionadas co consumo, coa vivenda ou co agro.
“Teño a convicción de que o cooperativismo se ha desenvolver en Portugal, porque é un sistema económico abrazado polas persoas, no que recuperaremos a forza real do 25 de Abril”, concluíu Parreira.
O modelo venezolano: Ineval
Albino José Bracho, asesor de cooperativas e de Empresas de Producción Social (EPS) en Venezuela, foi outro dos participantes no primeiro día das Xornadas de Economía Social. Debullou o proceso vivido en Ineval, empresa que é a principal subministradora de válvulas de presión para PDVSA, sociedade petroleira estatal.
Ineval foi tomada polos traballadores no contexto do paro patronal da industria petroleira que acompañou á tentativa de golpe de estado contra o presidente Chávez, que perpetrou en abril de 2002 a oligarquía venezolana en conivencia co imperialismo. “Os traballadores tomaron a empresa porque os patróns non respectaban os dereitos sociais”, indicou Bracho.
O proceso de Ineval reproduciuse noutras empresas venezolanas, especialmente no sector enerxético, onde se están a desenvolver diferentes cooperativas gasísticas.
Antes das transformacións da economía venezolana emprendidas pola Revolución Bolivariana, as compañías que operaban para PDVSA eran norteamericanas. “Mais agora, todas as empresas que queiran traballar para PDVSA teñen a obriga de ser Empresas de Produción Social, isto é, participadas polos traballadores”. O cooperativismo está, día tras día, a se consolidar en Venezuela. “Actualmente temos 360.000 cooperativas inscritas”, puntualizou Bracho.