marco
A Coruña, 17/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os obreiros traballaban nas obras do porto exterior

Grúas Usabiaga despide dous operarios que reclamaron o cobro de horas extra

Grúas Usabiaga despediu dous operarios que traballaban nas obras do porto exterior de A Coruña, logo de que se negasen a realizar horas extraordinarias sen remunerar. A central nacionalista denunciará a empresa e a UTE-Langosteira nos xulgados do Social.
Guindastre de Usabiaga nas obras do porto exterior coruñés (29-01-07)

Os operarios realizaban xornadas de 12 horas diarias en Grúas Usabiaga, empresa de guindastres contratada pola UTE-Langosteira para as obras da dársena exterior. Un dos operarios levaba un ano na compañía e, o outro, sete meses.

A comezos do presente mes, os dous obreiros explicáronlle ao encargado que non seguirían traballando alén das oito horas que marca o contrato no caso de que a empresa continuase sen aboarlles o importe das horas extraordinarias. O encargado afirmou, no colmo do descaro e mesmo ante a presenza dun sindicalista da CIG, que Grúas Usabiaga “non paga horas extras”. A partir de entón, os dous traballadores optaron por realizar xornadas de oito horas e a empresa non tardou en cumprir a súa ameaza e despediunos.

A CIG-Transporte esixe a readmisión inmediata destes dous traballadores, que foron represaliados por demandar os seus dereitos e por reclamar o cumprimento do convenio. A central nacionalista entende que tanto a UTE-Langosteira (conformada polas empresas Dragados, Copasa, Sato e Drace) como a propia Autoridade Portuaria son responsábeis solidarias no cumprimento de todas as obrigas contractuais.

Por outra parte, a CIG-Transporte repróchalle ao ente portuario coruñés que, máis unha vez, estea exclusivamente preocupado polo cumprimento dos prazos da obra do porto exterior e non exerza o menor control sobre a rede de subcontratas que operan nas obras de Punta Langosteira, cuxos traballadores padecen acotío exceso de horas e, aínda por riba coma neste caso, incumprimentos do convenio en materia salarial.