marco
Compostela, 17/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Lembra que non é a primeira vez que se dan feitos semellantes con organizacións nacionalistas

O BNG remite á presidencia un escrito sobre a expulsión dos representantes da CIG cando ían atender aos medios de comunicación

O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, remitiu un escrito á presidenta da Cámara en protesta polos feitos acontecidos na mañá do martes 17 de xuño no Parlamento, nos que os representantes da CIG foron expulsados cando ían atender aos medios de comunicación despois de presentar unha iniciativa lexislativa popular.

Tal e como relata no escrito o deputado nacionalista, a Confederación Intersindical Galega tiña informado aos medios de comunicación da súa entrega no rexistro da Cámara dunha iniciativa lexislativa popular relativa á retribución dos altos cargos mais, cando chegaron ao recinto os servizos da Cámara indicáronlles que “por orde da presidenta, a atención aos medios tiña que realizarse fóra do recinto parlamentar”.

Aymerich lembra que ésta non é a primeira vez que se viven feitos semellantes e apunta que nesta mesma lexislatura, impedíuselle tamén ao presidente e a membros da Mesa pola Normalización Lingüística atender aos xornalistas no Parlamento impedimento que, “por certo, semella non ser de aplicación a ourtas asociacións ou persoas”.

O portavoz nacionalista explica no escrito que “alén do tópico, o Parlamento é a casa de todos e todas, tamén das organizacións nacionalistas” e, xa que logo, reclama que feitos deste tipo non se volvan producir.

O BNG entende, tal e como indica Carlos Aymerich, que non existe motivo algún para impedir feitos que “non entorpecen de ningún xeito o funcionamento normal da Cámara”.