A CIG preséntase como parte no proceso xudicial por este grave accidente, xunto coa viúva do capataz falecido, e cun dos catro obreiros que resultou ferido de gravidade. A Inspección de Traballo aportou neste proceso o seu informe, no que constata que a caída da plataforma horizontal, que estaba a ser colocada sobre os pilares, debeuse ao incumprimento das normas de seguridade e prevención laboral.
Falta grave de seguridade
O informe de investigación realizado por Traballo en relación ao accidente laboral acontecido durante o pasado mes de setembro no viaduto do AVE, ‘constata o que nós dixemos, que non foi un accidente fortuito senón por falta grave de medidas de seguridade', segundo as palabras de Etelvino Blanco, que engadiu que ‘con independencia da sanción imposta, o importante é que con este informe existe o recoñecemento de que o accidente non foi por neglixencia dos traballadores e imos chegar até o final do proceso porque ten que ser un precedente para outras obras de grandes infraestruturas'. Nese sentido, a CIG de Ourense considera que deberán responder do ocorrido desde ‘o promotor Adif até a subcontrata Valdaya, a UTE AVE Maside e a empresa de montaxe BBR.PTE'.
Consideración de feridos de gravidade
Ademais tamén é importante que no mesmo informe considera feridos de gravidade aos catro operarios, contrariamente a lo establecera a mutua Fremap. Blanco subliñou que ‘isto nos servirá para exixir responsabilidades penais a todas as empresas implicadas'. O secretario comarcal de Ourense criticou que non exista unha investigación sobre o exceso de horas de traballo, tendo en conta que ‘o falecido non descansara as 12 horas regulamentarias'. Tamén denunciou que a multa de Traballo é "insuficiente xa que impón unha sanción mínima de 40.000 euros ás empresas por feitos tan graves, cando debía ser a máxima, que é de 819.000 euros'.
A sanción debería ser catro veces maior
Blanco lembrou que "se a infracción cometida é moi grave, a sanción debería ser a máxima e multiplicar como mínimo por catro a que se impuxo". Por último, finalizou sinalando que "no informe de Inspección se ocultan datos da situación laboral dos traballadores e de vulneración dos dereitos laborais, o que ten unha clara influencia na sinistralidade".