marco
A Coruña, 17/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os traballadores de MARTINSA-FADESA soltaron globos para simbolizar que o seu futuro laboral "está no aire".
Concentración dos empregados de MARTINSA-FADESA diante do hotel coruñés onde se reuniu a Xunta Xeral de Accionistas da inmobiliaria (27-06-2008)
Paulo Carril, secretario comarcal da CIG na Coruña

“É inconcibíbel a impunidade absoluta coa que actúan as empresas como no caso de MARTINSA - FADESA”

A comezos de semana saltaba a todos os medios nacionais, estatais e mesmo internacionais a noticia de que MARTINSA-FADESA solicitaba un concurso voluntario de acredores, proceso antes coñecido como suspensión de pagamentos. Paulo Carril, secretario comarcal da CIG e asesor da central no conflito, amosa nesta entrevista o punto de vista do sindicato nacionalista a respecto desta crise, paradigma claro da economía especulativa.
Paulo Carril, secretario comarcal da CIG na Coruña.

Antón Álvarez: Cal é o futuro do cadro de persoal logo da solicitude por parte da empresa do concurso voluntario de acredores?

Paulo Carril: As intencións últimas que ten a empresa cando solicita o concurso voluntario de acredores son unha incógnita. O que é evidente, tal como marca a Lei Concursal e de como a empresa está a levar as cousas, que o caso vai quedar en mans dun xuíz do Mercantil, con todas as consecuencias que significa isto de disolución e liquidación da propia empresa. Isto suporía o despedimento de todos os traballadores.

Outra das posibilidades é un acordo entre Fernando Martín e os acredores, que tampouco significa que haxa garantías de que se reduza o número de despedimentos que hoxe hai enriba da mesa, que son 72 en Galiza. Pero pode ser o caso de que un dos elementos dese acordo sexa despedir máis xente. Por tanto, é inseguro o que pode pasar.

Á parte, un aspecto preocupante é que a Lei Concursal non defende en absoluto os intereses dos traballadores, senón que ampara os dos acredores: entidades bancarias e outros empresarios.

Antón Álvarez: Cal é a análise da situación que realiza a CIG?

Paulo Carril: As xestións da CIG foron en todo momento, desde que temos representación sindical na empresa, defender con firmeza o mantemento dos postos de traballo. Criticamos a compra de FADESA por MARTINSA porque entendemos que foi un exemplo indicativo do modelo socioeconómico que hai no noso país e no Estado, de diñeiro fácil, da especulación absoluta que non xera postos de traballo nin ofrece viabilidade.

O que está acontecendo hoxe é a crónica dunha morte anunciada. Polo tanto, nós sempre cuestionamos esta operación polo risco que significaba de cara ao mantemento postos. Os feitos acontecidos na empresa durante o 2007 e no que levamos de ano confirman as nosas posicións. De aí que CIG esixise á empresa desde o primeiro día que abrise unhas negociacións para elaborar plan de emprego e garantir os postos en Galiza. Esta é e segue a ser a postura da CIG. Agora, hai que ser conscientes que, nunha situación de concurso voluntario de acredores, de suspensión de pagamentos, a dificultade de defender os postos ten un elemento engadido moi negativo, porque esta é a primeira empresa da historia do Estado cunha suspensión de pagamentos por unha débeda tan elevada.

Na negociación, a nosa idea é reducir ao máximo os despedimentos que propón a empresa na Coruña. No conxunto do Estado MARTINSA-FADESA quere despedir 234 traballadores, 72 deles na Coruña. Nós cuestionamos que A Coruña teña que reducir aínda máis o seu cadro de persoal porque aquí, en setembro de 2006, había 420 traballadores e hoxe hai 185.

Ademais, defendemos que as indemnizacións para os despedidos sexan de 45 días por ano traballado (a empresa propón 25 días) e que da negociación saia un plan de viabilidade e de futuro que garanta os postos na Coruña.

Antón Álvarez: Como xulgas o papel da Xunta neste conflito?

Paulo Carril: Criticamos o presidente da Xunta, a Consellaría de Traballo e o alcalde da Coruña polas valoracións eufóricas que fixeron da compra de FADESA por MARTINSA. Por outra banda, criticamos a intervención que fixo hai un mes Traballo ao negociar coa empresa 60 despedimentos, cando realmente tería que defender o contrario, que non se producisen máis baixas na Coruña. Ao mesmo tempo, esta consellaría tampouco garantiu nin preservou que o marco de negociación fose en Galiza en lugar de ser a nivel estatal. Entón, a intervención negativa de Traballo e de costas ás demandas do comité, da CIG e dos propios traballadores ocasionou que a empresa precipitase os acontecementos.

O caso de MARTINSA-FADESA é un modelo de economía especulativa, do diñeiro fácil, desde sempre, mais acentuado desde que Fernando Martín mercou FADESA. É resultado do modelo económico imperante, a constatación do sistema neoliberal no que as vítimas principais son os traballadores. É un sistema creado polo Goberno do Estado que permite a impunidade das empresas sen que estas midan as consecuencias laborais.

As vítimas son os traballadores, porque perden os seus postos e porque esta empresa e o sector da construción en xeral son os responsábeis do encarecemento das vivendas, e todo isto alentado polos gobernos do PP e do PSOE. É inconcibíbel a impunidade absoluta coa que actúan as empresas como no caso de MARTINSA – FADESA.

Agora, eu fágome a seguinte pregunta: até onde esta suspensión de pagamentos non é unha manobra precipitada e magnificada pola dirección de MARTINSA-FADESA para forzar o Goberno español a que tome algún tipo de medida? Non é casual que se filtrase aos medios o feito de que a empresa precipitase os acontecementos como consecuencia da negativa do Instituto de Crédito Oficial (ICO) a concederlle un crédito de 150 millóns de euros.

Novas relacionadas