marco
A Coruña, 17/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O fascista Juan Canalejo.
O troco na denominación do centro hospitalario é un exercicio de hixiene democrática

CIG – Saúde congratúlase do cambio de nome do Hospital Juan Canalejo

CIG-Saúde felicita o Consello da Xunta por aprobar o cambio na denominación do “Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo”, que pasará a chamarse “Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña”. Esta medida representa un exercicio de hixiene democrática, de xustiza histórica e de desagravio ás vítimas da barbarie franquista.

CIG-Saúde parabenízase do cambio de denominación do Hospital Juan Canalejo, pois nunha sociedade que se di democrática é inadmisíbel que un centro médico leve o nome dun fascista.

CIG-Saúde quere lembrar tamén as múltiples iniciativas que emprendeu para conseguir o troco na denominación do hospital coruñés, demandas que mesmo trasladara á Xunta de Persoal do centro, sen que estas contasen co apoio do resto de sindicatos con representación nese órgano.

Quen foi Juan Canalejo?

Juan Canalejo, sendo militar co grao de tenente de intendencia, retírase coa chegada da República acolléndose á Lei Azaña. En 1933 funda a Falange en A Coruña. Xa no ano 1934 organiza os primeiros comandos violentos na cidade. Participa activamente no grupo terrorista Primera línea contra persoas progresistas. Por estes feitos ingresa no cárcere provincial, desde onde elabora e difunde, coa colaboración de funcionarios de prisións desafectos á República, o xornal falanxista Entre rejas. En 1934 solicita armas para atacar os manifes­tantes obreiros, irrompe violen­tamente cun grupo de falanxistas nun mitin de Azaña e asalta o Casino Republicano de Ferrol roubando a súa bandeira constitucional, que é substituída pola falanxista. Constitúe un grupo paramilitar armado, que realiza exercicios de tiro nas praias da Bastiagueiro e de Cabanas.

No ano 1935 entra violentamente na sede de Izquierda Republicana de A Coruña e apodérase dos arquivos de afiliación, que logo serán aproveitados para a cruel represión que se sucede após o mes de xullo de 1936.

En 1936 é Xefe territorial de milicias de Falange Española y de las JONS. No mes de febreiro deste ano, despois das eleccións que lle conceden a vitoria á Fronte Popular, é reclamado pola dirección da Falange en Madrid para ficar directamente a disposición de José Antonio Primo de Rivera en tarefas de coordinación da acción armada e dos movementos preparatorios do levantamento contra a República. Dada a súa procedencia militar e a súa especialidade en accións armadas, ocupa un destacado posto de enlace entre a Falange e os militares golpistas. Participa en diversas accións violentas en Madrid e, por isto, nos días da sublevación militar encóntrase detido no cárcere en Madrid xunto con José Antonio Primo de Rivera por ter protagonizado disturbios en compañía doutros falanxistas. Poste­rior­mente, o seis de novembro de 1936 foi executado.