A sentenza, á parte de declarar a nulidade do despedimento coa conseguinte readmisión do empregado no seu posto e nas súas condicións de traballo, obriga a gasolineira a aboarlle os salarios de tramitación até o día que se produza a readmisión, cantidade que, a día de hoxe, ascende aos 4.670 euros.
Ernesto López Rei, responsábel comarcal da CIG-Transporte, felicítase por este fallo xudicial porque o despedimento atentaba contra a lexislación actual en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e violaba os dereitos fundamentais e as liberdades públicas do traballador.
Por outra banda, López Rei considera que esta resolución xudicial pon en evidencia a delegada provincial da Consellaría de Traballo, María Debén, que se inhibiu durante todo o caso e ignorou todos e cada un dos requirimentos que lle fixera a CIG para que actuase. Do mesmo xeito, o representante da CIG-Transporte censura a Inspección de Traballo por ter emitido un informe que avalaba a actuación empresarial.
Os responsábeis da gasolineira non lle recoñeceron ao traballador o dereito a gozar do permiso de paternidade e, ademais, negáronlle a documentación necesaria para tramitalo diante da Seguridade Social. O empregado, que levaba seis anos traballando na gasolineira, foi despedido o pasado 22 de febreiro cando pretendeu incorporarse ao seu posto tras gozar do período legal de 13 días de suspensión de contrato por paternidade.
Nova relacionada:
Despiden un empregado por gozar do permiso de paternidade