marco
Vigo, 18/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Apostan polo preacordo e agardan sentenza TSXG

As asembleas de traballadoras da limpeza na provincia de Pontevedra deciden rexeitar a proposta da Patronal

O venres 17 de outubro as traballadoras e traballadores dos edificios e locais da provincia de Pontevedra estaban chamadas ás asembleas para ser informadas da proposta que a Patronal deste sector realizaba. Asi, nas asembleas xulgouse insuficiente e mantívose a aposta polo pre-acordo, aprazándose a folga, en función da sentenza da impugnación do laudo arbitral do AGA e do seu cumprimento.

Nos locais sindicais celebráronse nas quendas de mañá e tarde distintas asembleas para avaliar a proposta que realizou a Patronal da limpeza nesta conflitiva negociación do convenio provincial de limpeza de edificios e locais en Pontevedra.

Así, e por maioría, as traballadoras e traballadores do sector rexeitaron a proposta que o luns 12 de outubro realizou a Patronal, xa que se "suprimía a cuarta paga e o día libre que gañaramos no pre-acordo", sinala Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos de Vigo.

Aprázase a folga

Ademais estas asembleas decidiron aprazar a folga convocada para o luns 20 de outubro, á espera de que saia a sentenza do TSXG sobre a impugnación da Patronal do laudo do AGA, xa que as traballadoras e traballadores entenden que "debemos ser firmes e loitar polo preacordo que conseguimos, porque é que a xente asumiu este preacordo como algo como positivo para o sector, e queren que se manteña", subliñou a secretaria comarcal da central sindical nacionalista.

Tránsito Fernández engadiu, por último, "que é positivo que loitemos que o que se asinou na mesa de negociación do convenio é o que se ten que manter, porque é unha mostra máis da firmeza das traballadoras e traballadores deste sector".