Diante desta masiva participación, a patronal terá que reconsiderar a súa posición e sentar a negociar para mellorar as precarias condicións laborais das traballadoras e traballadores deste sector.
En Ferrol, ademais de pechar os comercios do centro da cidade conseguiron que pechara o principal centro comercial da comarca, "Odeón", en Narón. Foi precisamente nesta vila, no taller que Pull&Bear ten no polígono industrial, onde se produciron os incidentes máis desagradábeis, con dúas mulleres feridas por mor dunha carga policial.
As traballadoras e traballadores de Pull&Bear están en folga desde o pasado xoves, día 16 de outubro, polo despedimento de tres traballadores. A primeira hora da mañá chegou o piquete e con el os antidisturbios que cargaron co resultado de dúas mulleres feridas: unha das traballadoras despedidas, que tivo que ser trasladada ao hospital, e unha delegada de CCOO.
En Compostela as tendas que non menceron xa pechadas fórono facendo ao paso do piquete, cada vez máis numeroso ao incorporarse as traballadoras e traballadores dos estabelecementos que ían cerrando. Contra o final da mañá tanto os estabelecementos da zona nova como os da zona vella permanecían pechados.
A situación de precariedade que se padece no sector é tal que moitos traballadores e traballadoras víronse obrigados a acudir aos seus postos á espera de que pasara o piquete para poder xustificar o peche e sumarse á folga sen arriscar, por iso, os seus contratos. Houbo traballadoras e traballadores que mesmo chamaron aos compañeiros que estaban no piquete para pedirlles que pasaran polo seu comercio para poder pechar sen padecer por iso represalias.
Grande incidencia da folga na Coruña
A Coruña foi a cidade onde máis incidencia tivo a folga. Centos de traballadoras e traballadores fóronse congregando desde primeira hora da mañá nas portas do centro comercial Catro Camiños, lugar escollido como punto de partida do piquete, que finalmente entrou no interior contra as nove e media. Foi neste momento cando varios axentes da seguridade privada do centro, pertencentes á empresa Prosegur, comezaron a golpear os traballadores e mesmo un vixilante chegou a facer uso da súa porra para bater na xente. A actuación desproporcionada destes axentes estivo alentada polo responsábel de seguridade privada do centro comercial Catro Camiños.
Co paso dos minutos, o piquete foi agrandándose até sumar preto de 1.500 traballadores que, tras permaneceren dúas horas no interior de Catro Camiños, percorreron en manifestación as principais rúas do centro da Coruña (Federico Tapia, praza de Vigo, praza de Pontevedra, San Andrés, Rúa Real, Obelisco, praza de Lugo e Juan Flórez).
A última hora da mañá parte do piquete regresou ao centro comercial Catro Camiños, ao se decatar de que algunhas tendas abriran novamente. Cando os traballadores se dispuñan a entrar nesta grande superficie, os vixilantes volveron golpealos. Roberto Pérez Vila, responsábel do Comercio da CIG-Servizos da Coruña, foi agredido por segunda vez polos membros de Prosegur. Pérez e outra traballadora van presentar unha denuncia contra os vixilantes pola súa actuación.
Entre outras incidencias, a policía española retivo un traballador e introduciuno nun furgón durante uns minutos. Os antidisturbios tamén practicaron ao longo da xornada varias identificacións arbitrarias a traballadores, sindicalistas da CIG na súa maioría. Os axentes, ademais, ameazáronos con que ían ser multados.
Xa pola tarde, as traballadoras/es trasladáronse até o centro comercial Dolce Vita, aberto ao público ese día. A actuación do piquete na Coruña foi moi exitosa ao conseguir pechar todos os estabelecementos que se cruzou ao seu paso.