A Mesa ten constancia de que varias administracións públicas tanto de ámbito galego como da comarca viguesa contrataron servizos con esta empresa, polo que tamén se dirixirá ás mesmas para que exixan o cesamento destas discriminacións.
O presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, explicou que a asociación tivo coñecemento desta situación a través da Liña do Galego, un servizo que presta asesoramento aos cidadáns que ven vulnerados os seus dereitos lingüísticos, e que vai proceder a denunciar este caso ante a Inspección de Traballo.
Callón sinalou que “lamentabelmente, non se trata dunha situación illada”, e lembrou outros casos de discriminación por motivo de lingua no eido do traballo xa denunciados publicamente pola Mesa, como o de Xesús da Torre. A pesar de falar sete idiomas, Xesús non foi seleccionado nunha entrevista de traballo por falar galego: “¿Y si se te escapa algo en gallego?”, dixéronlle, tal e como recordou Callón, que tamén fixo referencia ao caso dunha empregada dun Carrefour da Coruña, á que o encargado da súa sección lle recriminou: “¡Burra, no hables lenguas menores!”.
Asesoramento legal
O presidente da asociación valorou positivamente as recentes declaracións do secretario xeral da Consellaría de Traballo, José Vázquez Portomeñe, quen anunciou que se van comezar a tomar medidas ante este tipo de discriminacións. “Aínda que cheguen con demora, estas medidas deben ser benvindas e saudadas”, sinalou Callón.
Tal e como asegurou o seu presidente, á Mesa chegan “outros moitos casos” de conculcación dos dereitos lingüíticos no mundo laboral. Porén, “moitos traballadores só queren asesoramento legal, xa que pola súa especial situación de vulnerabilidade non se atreven a dar o paso de tramitar a denuncia”.
Actuación da administración
Callón pediulle aos que “supostamente defenden o bilingüismo e a igualdade entre linguas” que actúen ante este tipo de casos. “Ao PP éncheselle a boca falando cinicamente de bilingüismo, mais nunca move un dedo para defender as persoas que son discriminadas simplemente por falaren na lingua da nosa terra”, denunciou.
Así mesmo, recordouse que o conxunto da poboación ten ao seu dispor o servizo a Liña do Galego no 902 10 64 74, un servizo de recepción de queixas sobre vulneración de dereitos lingüísticos que ofrece A Mesa de xeito totalmente confidencial, tamén dispoñíbel no correo-e linhadogalego@amesanl.org, e que tamén tramita expedientes de felicitación e atende consultas.