marco
Compostela, 18/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A sentenza tamén obriga á empresa a pagar unha indemnización ao operario polo seu “comportamento antisindical”

Celta Prix condenada a readmitir a un traballador despedido

O Xulgado do Social número 3 de Pontevedra declarou nulo o despedimento do traballador que a empresa Celta Prix cesou logo de presentarse como candidato pola CIG ás eleccións de persoal. Segundo se recolle na sentenza, Celta Prix deberá readmitir a Emilio Fresco Fresco no seu posto e nas mesmas condicións que tiña. Ademais, deberá aboarlle os salarios que deixou de percibir neste tempo.
Celta Prix.

A sentenza recoñece que se produciu unha lesión dos dereitos sindicais do traballador, polo que condena a empresa pagar unha indemnización por danos e prexuízos de 3.435 euros, “que vén a constituírse como un elemento máis para disuadir á empresa de futuros comportamentos contrarios aos dereitos, tendo algo de admonitoria ou represora do comportamento antisindical mantido e de advertencia cara ao futuro”.

Celta Prix, empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e da limpeza nos concellos de Meis, Cambados e Vilanova de Arousa, despediu dous traballadores o pasado verán, xusto despois de coñecer que ían ser candidatos da CIG nas eleccións do persoal, aducindo motivos de aptitude “para a adaptación a condicións de traballo máis flexíbeis”. Porén, ambos traballadores xa levaban varios anos prestando os servizos para a empresa sen que se producira ningunha comunicación a respecto do desenvolvemento dos seus postos de traballo.

Dende a Federación de Servizos valoraron “moi positivamente” a sentenza, xa que supón o recoñecemento de que o despedimento se produciu “porque o traballador era o candidato da CIG”. Non obstante, sinalan que aínda non recibiron ningunha notificación por parte da empresa.