A negociación albíscase especialmente complicada, porque APROSER (Asociación Profesional de Compañías Privadas de Servizos de Seguridade) ten ameazado na propia mesa, con dous anos sen convenio e sen suba salarial, como xa ocorreu nos anos 90.
A CIG responsabiliza ás centrais sindicais UGT, CCOO e USO de manter unha posición pusilánime fronte á “chulería” da patronal, de ter deixado aparcado o problema das horas extra e de non presentar, por vez primeira na historia deste convenio plataforma.
Polo que respecta ás horas extra, desde a federación de Servizos presentárase unha proposta de creación dun plus mensual de 200 euros repartido nas 15 pagas que absorbera as posíbeis reclamacións de horas extra para que, unha vez compensado, quedara consolidado no salario base. Malia ter asumido inicialmente a proposta, estes sindicatos non só esqueceron o tema senón que racharon a unidade de acción sindical presentando unha proposta sen contar coa CIG.
Diante destas actitudes a CIG-Servizos considera imprescindíbel acadar, de forma urxente, un convenio galego para o sector e adianta que loitará por un convenio digno e con dereitos.