Neste momento este centro é o único que imparte a materia de electrotecnia, unha das materias propias da modalidade tecnolóxica, xa que conta cos recursos necesarios e apropiados. Moito do alumnado do bacharelato matricúlase neste centro co obxecto de continuar cursando un ciclo de formación profesional de corte industrial. Trátase dun centro de referencia na comarca por ofertar bacharelato tecnolóxico e ciclos formativos de carácter industrial.
A CIG-Ensino tense dirixido aos Grupos Parlamentarios que sustentan o actual Goberno da Xunta e o Grupo Municipal do BNG de Santiago así, como ao alcalde da cidade. O BNG amosouse disposto a defender o mantemento do bacharelato no CIFP Monte de Conxo. Porén, a día de hoxe, nin o grupo parlamentar do PSOE nin o Sr alcalde deron resposta. “Descoñecemos as súas iniciativas para que a consellería, sustentada polo mesmo partido, mude de posición”, explican desde CIG-Ensino.
A CIG-Ensino levará este tema á mesa sectorial prevista para o próximo venres, agardando un cambio da consellería para que no curso vindeiro se siga impartindo primeiro de bacharelato. De non producirse a rectificación necesaria, non desbotan presentar un recurso contencioso administrativo contra a orde do 29 de maio “pola que se autoriza a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos de Galiza, publicada no DOG do 4 de xuño de 2008”, na que se liquidan as ensinanzas de bacharelato no CIFP Monte de Conxo.