marco
A Coruña, 18/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
CIG-Servizos maniféstase na nave da empresa no polígono de Espírito Santo (Cambre)

“Isidro de la Cal” despide unha candidata da CIG

Membros da CIG-Servizos, da Unión Comarcal coruñesa e traballadores concentráronse o 18 de xullo no polígono de Espírito Santo (Cambre) na nave de “Isidro de la Cal”, empresa dedicada á elaboración e comercialización de produtos pesqueiros. Os sindicalistas protestan polo despedimento dunha traballadora que é candidata da CIG nas eleccións que se han celebrar nas próximas semanas na empresa.

Protesta no recinto da nave de Isidro de la Cal no polígono de Espírito Santo (Cambre) para esixir a readmisión da compañeira despedida (18-07-2008).

A traballadora foi despedida a semana pasada, dous días despois de que asinase a lista da CIG para ir como candidata nela. A CIG-Servizos esixe a readmisión inmediata da compañeira e denuncia esta caso flagrante de persecución sindical. Os actos de protesta han continuar até que a traballadora non sexa readmitida.

Contido do panfleto repartido pola CIG-Servizos na protesta :

En Isidro de la Cal téñenlle medo á liberdade. Téñenlle medo a que os traballadores/as nos organicemos para defender os nosos dereitos.

E o medo produce represión. Como a empresa non quere que a nosa penosa situación laboral varíe, despide a quen pensa que pode cambiar as cousas. Despide a quen reclama os seus dereitos e a quen non cala.

A CIG nunca permite estas actitudes. Non imos permitir que despida impunemente os candidatos/as que se queren presentar ás eleccións.

ELISA, READMISIÓN XA!!!

A CIG vaise presentar a estas eleccións con Elisa entre as nosas candidatas porque se a empresa non rectifica, vai facer o ridículo nos xulgados e vannos dar a razón aos que loitamos sempre polos dereitos dos traballadores/as.

E vaise presentar con outros compañeiros nunha candidatura que vai reclamar que se acabe coa nosa situación de abandono, para que non nos "obriguen” a facer horas extras, para conseguir uns salarios dignos, para que nos apliquen un convenio de verdade, para que non exploten e precaricen o emprego de maneira ilegal por medio de ETT´s.

NON Á REPRESIÓN

ELISA, READMISIÓN XA!!!