Pasadas as once da mañá máis de cen persoas protestaban diante das instalacións de Bosch na Avenida de Madrid a última vaga de "despedimentos masivos" nesta multinacional do telemarketing. A CIG respondía asi con esta primeira mobilización aos despidos, asi como anunciaba que "isto forma parte dun proceso de mobilizacións contra os despedimentos, contra o traballo temporal, as sancións e a represión sindical que existe nesta empresa".
Berros contra a deslocalización, os despidos e o traballo temporal (hai máis dun 70% de eventuais, e dos 1.200 traballadores/as, 700 son de empresas de traballo temporal), acompañaron esta concentración, que durante máis dunha hora visibilizou o forte rexeitamento ás políticas laborais desta multinacional, que fomenta a precariedade e a represión sindical.
Concentración contra o acoso laboral
Despois desta primeira mobilización, as persoas concentradas desprazáronse até outro centro de traballo de Bosch, perto deste, e tamén na Avenida de Madrid. Nesta segunda concentración denunciaron o acoso laboral grave sufrido por unha afiliada da CIG, que foi despedida como represión por denunciar o seu caso de acoso.
Xuntanza con Recursos Humanos
O 16 de xullo tivo lugar unha reunión de RRHH co Comité de Empresa, dando así resposta a solicitude da CIG. Nesta reunión a empresa non comunicou o número total dos despedimentos, nin facilitou documentación que demostre a baixada do volume de traballo.
Segundo os datos que se manexan desde a sección sindical da CIG, o pasado venres foron despedidas 32 persoas que se suman as anteriores, polo que o número total de despedidos neste mes podería chegar aos 50, polo de agora e que teña coñecemento a CIG.
Faixas por toda a cidade
O 15 de xullo pola noite, os traballadores e traballadoras da CIG en Bosch, procederon a colocar 20 pancartas por distintas rúas de Vigo en protesta polos últimos despedimentos e para denunciar a política laboral da empresa. Con este acto quixeron dar a coñecer á cidadanía de Vigo e aos milleiros de turistas que estes días visitan a cidade a realidade laboral da multinacional Robert Bosch.
A empresa xustifica os despedimentos
Bosch negou ante os medios de comunicación o anunciado ao Comité de Empresa, que habería despedimentos masivos. Pero mentres ante a prensa nega os despedimentos, nunha nota interna que está colgado nos taboleiros na empresa o xefe de persoal defende os despidos. Podes ver a nota ao final desta nova, no pdf adxunto, na que Bosch recoñece que se trata de despedimentos para evitar darlle vacacións ao persoal.