A localidade pontevedresa de Nigrán acumulaba o 17 de xullo unhas 200 toneladas de residuos pola folga dos traballadores do servizo de recollida de lixo que comezou o pasado 14 de xullo, e que ten carácter indefinido. Desde o 16 de xullo non se realizan servizos mínimos, aínda que desde o comité de folga confian en "poder negocialos". Xusto Fernández, da CIG Servizos de Vigo, sinalou que "os traballadores están abertos ao diálogo co obxectivo de fixar uns servizos mínimos que permitan recoller os desperdicios nos puntos máis sensíbeis", e permanecen á espera de ser chamados pola empresa Cespa.
O membro da CIG Servizos de Vigo incidiu no carácter abusivo dos servizos mínimos, xa que "estamos dispostos a acordar uns servizos que garantan a salubridade e non anulen a efectividade da folga". O decreto municipal de servizos mínimos desde o primeiro momento foi impugnado polos traballadores.
Continuará o paro
Xusto Fernández, da CIG Servizos de Vigo, subliñou que " o paro continuará mentres empresa e o concello non asuman as reivindicacións dos traballadores".
O motivo fundamental da convocatoria desta folga son as diferencias económicas na negociación do convenio colectivo, xa que os traballadores reclaman que se lles equipare ao resto de empregados do Concello de Nigrán. A sua demanda é dunha suba salarial do IPC real máis 3 puntos por cada un dos dous anos de vixencia que piden para o acordo.
Asimismo, segundo explicou Xusto Fernández, os traballadores tamén demandan unha cuarta paga, que se implantaría entre este ano e o que ven -o 50 por cento cada ano-, e un incremento no pago dos festivos traballados, que pasarían de 45 a 60 euros.